Abordáronse temas como a situación provocada pola COVID, o Congreso de Laicos 2020, a implantación do Plan Pastoral das UPA e o Ano Laudato Si’
O pasado 12 de setembro de 2020, no Seminario de Mondoñedo, reuníuse con carácter ordinario o pleno do Consello Diocesano de Pastoral (CDP), abordando e debatendo asuntos de interese para a nosa diocese.
Despois da oración comunitaria e o saúdo do noso bispo, o pai Luis Ángel, a responsable da delegación de Leigos, Mar Sarmentero, acompañada de Raúl e María Jesús, que forman parte do seu equipo, presentaron aos membros do consello o desenvolvemento e as conclusións do Congreso de Leigos 2020, celebrado fai uns meses en Madrid. Da súa exposición destácanse dúas palabras que “… resonaron no congreso e que, aínda que podan parecernos novas, no seu concepto non son alleas á nosa realidade diocesana. Unha é sinodalidade, camiñar xuntos guiados polo Espíritu Santo para aprender e discernir o noso horizonte; e outra, discernimento, é dicir, poñernos en disposición para escoitar ao Señor, aos demáis e á realidade”. “Para continuar no bo camiño na nosa Igrexa diocesana, faise necesaria a conversión persoal desde a oración, a celebración dos sacramentos – especialmente a eucaristía – e o exercicio da caridade. Pero a conversión persoal non tería sentido senón vai unida a unha conversión comunitaria, pastoral e misioneira”. Remataron a súa intervención profundizando sobre os catro percorridos que marcarán o camiño dos leigos nos vindeiros anos: o primeiro anuncio, o acompañamento, os procesos formativos e a presenza na vida pública.
Outro tema que se abordou no pleno foron as pautas da actividade pastoral segundo a situación actual da pandemia provocada pola Covid-19. O vicario de Misión Misericordiosa e Samaritana, Gonzalo Varela, expuso as catro conclusións ás que se chegou nunha xuntanza celebrada en data recente na parroquia de Ferreira de Valadouro: a importancia do traballo en rede, o que implica a coordinación con todos os axentes e institucións implicadas; o acompañamento, sobre todo aos máis vulnerables; o desafío dixital, entendido como unha oportunidade para a evanxelización; e as UPA, como nova estrutura organizativa básica na nosa realidade diocesana.
Asimesmo, lembrouse que as dioceses galegas elaboraron un protocolo para a catequese, na realidade da pandemia actual.
Dando continuidade á orde do día do pleno, Antonio Rodríguez Basanta, vicario xeral da diocese, deu a coñecer unha folla introdutoria das UPA, como documento de base para entender “o que NON son as UPA” e “o que SÍ son as UPA”. Este novo contexto, “esíxenos un proceso e un camiño que temos que percorrer xuntos (sinodalidade)”.
Para rematar, o noso bispo informou aos asistentes do impulso do “Ano da Laudato Sí” polo papa Francisco, lembrando que temos que entender a encíclica como social e como proxecto evanxelizador integrado no noso mundo. Tamén destacou a importancia de que, nestes tempos especiais, provocados pola situación de distanciamento social, manteñamos o vínculo, no senso de estar conectados, sobre todo coas persoas máis vulnerables, ben presencialmente, telefónicamente ou nas redes, ou por carta, dun xeito epistolar
Antes da despedida, os asistentes fixeron unha oración a Nosa Señora dos Remedios, patroa da diocese de MondoñedoFerrol, poñendo nas súas mans o traballo da xornada vivida.
[Crónica: José María Pérez, secretario do Consello Diocesano de Pastoral]







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















