- Impulsada pola HOAC Mondoñedo-Ferrol e Cáritas parroquial, a canle surxe para achegar a doutrina social da Igrexa á realidade do barrio e da diocese
- A programación arrinca con “Encontros na Fronteira” e incluirá novas propostas de entrevistas, voluntariado novo e coidado da creación
Canido TV botou a andar o pasado venres nos locais da parroquia ferrolá de Santa Cruz de Canido cunha aposta clara por unir fe, compromiso social e realidade cotiá. A nova canle, impulsada polo equipo diocesano da HOAC Mondoñedo-Ferrol xunto con Cáritas parroquial, nace coa vontade de achegar os valores da doutrina social da Igrexa á vida do barrio e ao conxunto da contorna diocesana.
A iniciativa preséntase como un espazo de diálogo aberto ás persoas e entidades que traballan pola construción dun mundo máis xusto, con independencia das súas crenzas ou ideas. O proxecto quere, ademais, tender pontes entre a experiencia cristiá e a realidade social, ofrecendo testemuños de vida coherente tanto dentro como fóra da Igrexa.

Segundo explican os promotores, Canido TV quere ser tamén unha ferramenta adaptada á linguaxe actual da mocidade, nun formato pensado para as redes sociais e para unha comunicación próxima, áxil e participativa. Nesa liña, a canle proxéctase como o primeiro dun conxunto de iniciativas dirixidas á xente nova, ás que se sumarán contidos sobre o coidado da creación e a ética na era da dixitalización.
Acto de inauguración
A inauguración celebrouse nun ambiente festivo e contou coas primeiras probas de entrevista a cargo de Isma, membro do equipo novo de voluntariado, que conduciu conversas con diversas persoas vinculadas á vida social, cultural e eclesial de Canido. Polos micros da canle pasaron, entre outras persoas, María Victoria González, directora de Cáritas Diocesana; Miguel, mestre do obradoiro de coiro de Cáritas Santa Cruz; Manu Pita, veciño e colaborador de Cáritas; representantes da Asociación Veciñal de Canido e da SRyD Canido; Ángel Brea, Roger de Flor e o sacerdote Alfonso Gil.
No acto estiveron tamén presentes o párroco de Canido, Antonio Rodríguez, e o sacerdote Dieudonné Abayizera, ademais de voluntariado, amizades e veciñanza, nun encontro que serviu para dar inicio a unha nova etapa no labor apostólico e comunicativo dos equipos de Canido.
«Encontros na Fronteira», serie de entrevistas
A programación arrinca co espazo “Encontros na Fronteira”, producido polo equipo da HOAC, e con un programa mensual do grupo de voluntariado novo, ao que se sumarán outras propostas en fase de definición.
A canle xa recolle contidos xerados na semana previa e durante a inauguración, incluído un vídeo de presentación publicado en YouTube, o que reforza a súa vontade de combinar testemuño local e presenza dixital.








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















