O alcalde de Ribadeo ante a Virxe dos Remedios: «Axúdanos, Nai, a non vivir presos do ego, senón do amor”

O santuario da Nosa Señora dos Remedios de Mondoñedo quedou pequeno para acoller hoxe a celebración festiva na súa xornada grande coa celebración eucarística e a procesión posterior. Nesta ocasión dábase a novidade e o privilexio de ser templo xubilar, polo que se podían lucrar as grazas xubilares como en Roma seguindo as condicións marcadas para o efecto.

Ao acto acudiron o alcalde de Mondoñedo con todos os seus concelleiros, acompañado do alcalde de Ribadeo, que foi o oferente deste ano. Unha boa representación desta vila desprazouse tamén ata Mondoñedo, coa banda e a coral que actuou durante a celebración. Xunto a eles, outras autoridades e representantes dos antigos partidos xudiciais da provincia de Mondoñedo: Ortigueira, Vilalba, Ferrol e Viveiro.


Daniel Vega, alcalde de Ribadeo: «Axúdanos, Nai, a non vivir presos do ego, senón do amor»

Durante a celebración tivo lugar a habitual ofrenda á Virxe dos Remedios. Nesta ocasión foi presentada polo alcalde de Ribadeo, Daniel Vega. Durante a súa intervención fixo alusión á tradición que significaba este xesto tan antigo, referenciando algúns dos problemas máis perentorios de Galicia e da nosa comarca, como os incendios que estes días pasados afectaron a tantos lugares, o coidado do sector primario e forestal e a atención ás persoas e os seus problemas. Nese sentido, referiuse a que “da configuración social do catolicismo, os galegos aprendemos a entendernos como persoas, como familias, como municipios (auténticas comunidades entre veciños) e como país”. E concluíu as súas palabras cunha pregaria á Virxe: “Axúdanos, Nai, a non vivir presos do ego, senón do amor”.


Mons. García Cadiñanos, bispo de Mondoñedo-Ferrol: «Fronte á Virxe atopamos claves para camiñar, forza para afrontar e esperanza para vivir este momentos de dificultades»

Pola súa banda, na resposta do bispo diocesano, monseñor Fernando García, ás súas palabras, o prelado referiuse ao noso momento histórico como un paso “a través do deserto, como o pobo de Israel, azoutados por perigos e dificultades. Hoxe vimos presentarllos á nosa patroa, a Virxe dos Remedios”. E continuou a súa intervención indicando que “lonxe de atopar aquí solucións, coma se de maxia tratase, atopamos claves para camiñar, forza para afrontar e esperanza para vivir este momento”.  Nese sentido, indicou que en Cristo “os cristiáns volvemos atopar un Camiño que ofrecemos ao noso mundo para seguir humanizando e desenvolvendo este tempo histórico. En Cristo Crucificado reafirmámonos na dignidade de toda persoa e a urxencia do coidado como perspectiva social que nos fará moito ben para afrontar o drama da guerra, o reto da emigración, o perigo do economicismo, a soidade e a desvinculación social”.

Tras a cerimonia, a Virxe dos Remedios saíu en procesión pola chaira da alameda, sendo venerada polos moitos fieis que alí acudiron.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas