O bispo de Mondoñedo-Ferrol continúa a súa visita pastoral pola Terra Chá

  • Monseñor García Cadiñanos celebrou a eucaristía nas parroquias de Bóveda, Parga e Illán, acompañado polos consellos pastorais e numerosos fregueses

O pasado domingo, 22 de febreiro, o bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos, proseguiu a súa visita pastoral pola Terra Chá, visitando as parroquias de Santalla de Bóveda e Santiago de Illán (Begonte), así como a de San Estevo de Parga (Guitiriz), parroquias pertencentes á UPA de Guitiriz e Begonte. En todas elas o bispo estivo acompañado por membros do consello pastoral e acollido polos fregueses, que prepararon as súas igrexas para a ocasión, decorándoas coidadosamente neste primeiro domingo de Coresma.

A xornada comezou en Bóveda, onde o bispo presidiu a misa mensual. A continuación, desprazouse ata San Estevo de Parga, onde celebrou unha nova eucaristía á que estaban convidados, ademais dos veciños da parroquia, os fieis de Santa Leocadia, San Breixo e Becín. Entre os asistentes atopábanse a alcaldesa de Guitiriz e o presidente da Comisión de Montes de Parga, entre outros representantes locais. Rematada a misa, o bispo achegouse á zona da feira de Parga, onde foi agasallado con varios presentes, entre eles un pan e un queixo, e tivo tamén ocasión de visitar a capela de San Xosé.

Xa pola tarde, acompañado por un dos párrocos da UPA, Iván Darío Trujillo, e por varios membros das parroquias, o bispo visitou a parroquia de Illán (Begonte). Deste lugar era natural o sacerdote don Eulogio Carballido (1932-2000), quen exerceu o seu labor pastoral nas aforas de Roma, onde ten unha praza co seu nome. A súa entrega sacerdotal valeulle ser lembrado como “il prete della gente” (“o cura da xente”). No encontro participaron membros da Comunidade de Montes e de veciños, así como unha notable afluencia de fieis.

Máis fotos desta xornada no Instagram

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas