O Seminario Interdiocesano peregrina a Fátima xunto aos seus bispos

  • A ruta incluiu visitas a Guimarães, Porto, Coimbra e Braga nunha experiencia de convivencia e fe durante a Pascua

Os seminaristas e o equipo de formadores do Seminario Interdiocesano Apóstolo Santiago realizaron, xunto co arcebispo de Santiago de Compostela, o bispo de Mondoñedo-Ferrol e o bispo de Tui-Vigo, unha peregrinación a Fátima nesta primeira semana da Pascua.

Iniciaron a peregrinación o pasado mércores 8 de abril cunha parada en Guimarães, para a continuación celebrar a eucaristía, presidida por monseñor Fernando García, en São Miguel do Couto, onde foi bautizado san Rosendo, padroeiro da diocese de Mondoñedo-Ferrol e figura clave da Igrexa galega no século X. Pola tarde foron recibidos en Porto por monseñor Vitorino Soares, bispo auxiliar do Porto, e o sacerdote Joaquim Ribeiro Guedes, ecónomo diocesano. Ambos, enormemente hospitalarios, acompañáronos durante a visita á catedral e ao palacio episcopal.

O xoves pola mañá partiron cara a Coimbra, a cidade universitaria por antonomasia en Portugal, antes de chegar ao mediodía ao santuario de Fátima. Pola tarde, o arcebispo de Santiago presidiu a eucaristía para o grupo español que se celebra todos os días ás sete e cuarto da tarde. Na noite participaron no rosario e a adoración eucarística.

O venres, xa de regreso a Galicia, fixeron unha parada na cidade de Braga, onde tras unha visita á súa catedral e museo, foron recibidos polo arcebispo, monseñor José María García Cordeiro, o bispo auxiliar monseñor Nélio Pereira, o reitor do Seminario, o cóengo Vítor José Novais e o resto do equipo formativo. Despois de celebrar a eucaristía, presidida polo bispo de Tui-Vigo, na famosa capela Árvore da Vida, houbo unha comida de confraternización onde se intercambiaron experiencias formativas en ambos os seminarios.

Antes de regresar para Santiago fíxose unha visita ao santuario do Bom Jesus, onde foron recibidos polo seu reitor, o padre João Paulo Alves.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas