O Seminario Maior Interdiocesano celebrou a festividade de San Martiño de Tours

  • Durante a homilía, o arcebispo Francisco José Prieto animou a seminaristas e fieis a vivir a fe con esperanza e compromiso fraterno

O Seminario Maior Interdiocesano Apóstolo Santiago, institución que agrupa aos seminaristas das dioceses de Santiago, Mondoñedo-Ferrol e Tui-Vigo, celebrou onte martes 11 de novembro, a festividade do seu patrón, san Martiño de Tours, cunha misa solemne presidida polo arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto. A cerimonia, que tivo lugar na capela do propio Seminario, contou coa concelebración do bispo de Tui-Vigo, monseñor Antonio Valín, e a participación de numerosos sacerdotes, membros da vida consagrada, laicos e representantes das autoridades civís e militares.

Durante a súa homilía, o arcebispo evocou a figura de san Martiño de Tours como exemplo de entrega e servizo, lembrando o xesto que definiu a súa vida: aquel momento en que, sendo soldado romano, partiu a súa capa para abrigar a un esmoleiro. “Ese xesto é a clave biográfica para entender a san Martiño de Tours”, afirmou o prelado, subliñando que nese acto de compaixón resúmese toda unha existencia orientada ao amor ao próximo e ao seguimento de Cristo.

Monseñor Prieto reflexionou tamén sobre a vixencia da mensaxe de san Martiño no mundo actual, convidando os presentes a vivir a súa fe con autenticidade e compromiso. “Non pasemos de longo, non miremos con indiferenza”, exhortou, aludindo á parábola do bo samaritano e á necesidade de mirar con compaixón a quen sofre.

O arcebispo destacou tamén que a resposta persoal á chamada do Evanxeo é o que dá sentido á vida cristiá. “Cada día esta pregunta achégasenos no rostro daqueles que comparten a vida connosco”, lembrou, facendo fincapé na importancia de recoñecer nos demais o rostro de Cristo.

No marco do Xubileu que está próximo a concluír, monseñor Prieto convidou a manter viva a porta da esperanza. “Non se trata de buscar luces propias, senón de que a nosa vida sexa reflexo da luz do Señor”, expresou, animando aos seminaristas e a toda a comunidade a vivir a súa vocación desde a humildade e a entrega cotiá.

A homilía concluíu cunha chamada á unidade e á corresponsabilidade na misión da Igrexa. “Non somos illas illadas… Sintámonos parte de algo que non é noso, senón que nos é dado e confiado”, afirmou o arcebispo, en alusión á tarefa común de construír comunidade e servir ao Evanxeo.

Con esta celebración, o Seminario Maior Interdiocesano Apóstolo Santiago renovou o seu propósito de formar pastores “humildes traballadores na viña do Señor”, segundo as palabras do propio arcebispo, reafirmando así a súa misión educativa e espiritual ao servizo das dioceses galegas.

GALERÍA DE IMAXES

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas