Pedro Rodríguez, arcipreste de Ferrol: «O papel dos laicos na Igrexa está chamado a ser cada vez máis importante»

Pedro Rodríguez Paz (Parga, 74 anos) foi reelixido, de novo, no pasado outono, arcipreste de Ferrol. Membro do equipo sacerdotal que se ocupa de atender as parroquias do centro da cidade, exerceu, durante longos anos, como párroco do Pilar, en Recimil.

Licenciado en Liturxia pola Universidade de San Dámaso, natural da Terra Chá e gran estudoso do legado cultural mindoniense, coñece moi ben as vintecatro parroquias do municipio ferrolán. E ao mesmo tempo, sabe interpretar moi ben a poliédrica realidade social da diocese de Mondoñedo-Ferrol: á dunha Galicia do norte na que están, cada unha coas súas características, desde áreas urbanas como as dos barrios máis poboados de Ferrol e Narón, ata o mundo, esencialmente agrario, da Chaira, pasando polos núcleos costeiros da propia Ferrolterra, do Ortegal e da Mariña Luguesa, espazos monumentais coma o de Mondoñedo e áreas industriais coma a das Pontes.

Cal é a maior dificultade á que se enfronta, nestes momentos, o arciprestazgo de Ferrol?
A escasez de clero. Que é un problema ao que se enfronta a diocese toda. E que obriga a crear dinámicas completamente novas.

Por exemplo?
Pois a traballar moito en equipo. E procurar ver as cousas, sempre, sen perder a visión de conxunto. E iso require, por suposto, saber escoitar. Escoitar moito. Buscando, ademais, a maneira de axustar as programacións pastorais ao que as circunstancias requiren. E a verdade é que, na miña opinión, estamos conseguindo dar resposta ao reto que temos ante nós. Somos poucos sacerdotes, e ademais con diferenzas de idade moi grandes, pero, co esforzo de todos, as cousas van saíndo adiante.

Cada parroquia de Ferrol ten as súas propias características, unha personalidade que a diferenza das demais…
Si, pero iso é bo. Moi bo. As parroquias, hoxe, seguen a ser algo esencial. Importantísimo. As unidades pastorais son una forma de organización moi recente, que nace da necesidade de dar resposta á falta de clero. Pero as parroquias son as nosas raíces. E, no caso, en Ferrol cada parroquia ten unhas características propias e moi definidas, e a súa particular identidade. E creo que iso é un ben que temos que respectar e tamén temos que saber preservar.

Todas as parroquias ferrolás seguen tendo culto
Si, así é. Nalgún caso pode que só haxa misa un par de días ao mes, e que a maioría das actividades sexan compartidas con outras parroquias, coas que están máis cerca. Pero a verdade é que seguen tendo culto todas.

Vostede está moi vencellado, tamén, ao mundo da Semana Santa ferrolá e das súas confrarías
As confrarías ferrolás fan un labor excepcional. Non só no eido da propia Semana Santa, senón tamén no que atinxe tanto ao labor humanitario como á preservación da nosa cultura. Ademais, conseguiron algo que é importantísimo: atraer a unha enorme cantidade de rapaces, de xente nova, á vida da Igrexa. Iso é algo ao que penso que non lle estamos sabendo dar, aínda, a extraordinaria importancia que ten. E por certo: o papel dos laicos na Igrexa está chamado a ser cada vez máis importante. De feto, en moitos ámbitos xa é absolutamente esencial. Coma no de Cáritas, por exemplo.

Cáritas leva décadas facendo en Ferrol un labor imprescindible
Por suposto! Un labor valiosísimo. E con Cáritas colaboran laicos de todos os perfís. Persoas moi comprometidas. Xente que sempre está aí para axudar.

Fonte: La Voz de Galicia

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas