Facendo rede na vida do campo: a mocidade, os maiores, a lingua e a formación
1.- Promover, con quen ben o queira, a formación
Nalgunha parroquia ou grupo de parroquias de pequenos grupos ou comunidades cristiás, que fosen coma unha semente e unha referencia de vida cristiá no medio da parroquia e ao servizo da parroquia. Desde a delegación de Pastoral Rural podemos axudar na formación destes grupos coa presenza e con materiais axeitados (véxase díptico entregado na asemblea diocesana).
2.- Fomentar a celebración do “día do mundo rural”
Cada ano nun arciprestado distinto; iría máis destinada esta celebración ás parroquias rurais de cada arciprestado. Á celebración de cada ano no respectivo arciprestado estarían invitados tamén os outros arciprestados. Tamén a facilitar isto nos comprometemos desde a delegación de Pastoral Rural (tamén isto quedou comentado no díptico entregado na asemblea diocesana).
3.- Fomentar un movemento de atención diversificada á xente maior
Sobre todo cando esta xente maior está soa e enferma: visitas ás casas; encontros en horas do día nalgunha casa do barrio para verse, falar, botar a partida; visitas a maiores na residencia sanitaria ou nas residencias de maiores; organizar encontros e festas en datas especiais: Nadal, Antroido, saída verán… Integrarnos en actividades que desde os concellos ou desde outras entidades se estean facendo neste sentido. Organizar a “Festa dos Maiores”, e ver a oportunidade da celebración do sacramento da unción comunitaria. Celebrar os anos e o santo ou santa dos nosos maiores: visitalos, agasallalos, telos en conta. Darlle especial releve aos nosos maiores nas celebracións litúrxicas, mentres están vivos e tamén no momento da súa morte.
4.- Revitalizar os velorios e funerais
Todos os rezos ou culto ao redor dos funerais son o máis frecuentado pola xente do rural. Son, polo tanto, espazos privilexiados de evanxelización, de misión, que se debería coidar moito. Pero pola frecuencia, polo cansazo, a tentación de rutina é grande; iso mataría as posibilidades que ofrecen.
¿Qué facer nos velorios? ¿Repetir eucaristías? ¿Rosarios apresurados? ¿Crear espazos de oración diversa, coidados, ben presentados á xente, participados no desenvolvemento por varias persoas, non só o cura ou a persoa que o substitúa; os velorios poderían converterse nunha interesante experiencia de evanxelización e de iniciación á pregaria, nuns momentos nos que a xente está en principio receptiva, disposta, emocionalmente aberta. Na forma que sexa, mensaxes claros, simples, fundamentais. Con moito, moito afecto e proximidade. Tanto o que se faga mal coma o que se faga ben repercute a fondo.
¿Cómo revitalizar as eucaristías dos funerais, para liberalas da rutina, para que apareza con forza o Deus salvador de Xesús aproximándose á dor da xente en circunstancias máis ou menos dolorosas? Algunhas cousas básicas que cumpriría ter en conta:
– Actitude próxima, preocupada, de quen celebre.
– Seleccionar ben os textos a ler, facer versións adaptadas?
– Revisar tamén as oracións que se rezan, á luz do Evanxeo.
– Homilías que aproximen o don, a promesa, a esperanza de Deus.
– Moita palabra que soa a cousa rutineira, sobre todo ao final da Misa; simplificar este rito, enchelo de humanidade e de fe.
– Como desapegarse dos cartos?
– Acompañar a familia no tempo posterior.
5.- Infancia e mocidade
Temos moi poucos nenos e nenas e moi pouca mocidade. Mimalos. Romperse a cabeza en ver como acompañalos algo.
Encontros mensuais ou trimestrais a partir da Confirmación ou da primeira Comuñón, se a Confirmación se pospón?
Facerlles un seguimento, preocuparse de cómo van nos estudos, nas experiencias laborais que inician, buscar conversas con eles, e iso porque si, por ofrecerlles compaña e apoio, non por puro interese de captación.
Atreverse a propoñerlles algunha participación simple en cousas da fe, das celebracións (lecturas, portar algún signo, responsabilizalos dalgunha pequena actividade, p.e., que elaboren algunha folla no ordenador para calquera cousa necesaria facer fotos…).
Consultalos para certas cousas: unha excursión que imos facer, unha canción que nos parece significativa, buscar algunha canción sobre algún tema que nos interese.
Invitalos a ir ver xuntos algunha película que lles poida interesar ou algún musical, p.e. o 33 de Casado, ou a algún partido de fútbol.
Dalgunha maneira, facerse un pouco deles. Estar sempre coa mosca da xente nova detrás da orella.
6.- Atención á vida do campo
Ser coñecedores do que pasa na campo galego en xeral e, cando menos, no que lle afecte á vida e traballo da xente das nosas parroquias.
Coñecer algo certas leis, normativas, cambios da administración, entender como lles pode afectar aos veciños, ter criterio, saber conversar sobre iso, saber escoitar, valorar, acompañar.
Agradecer a vida da xente que traballa o campo, que manexa gando, que se mantén no rural; son continuadores da creación de Deus, con especial mérito en momentos de abandono.
Valorar tamén iniciativas novas que se poidan dar na campo, xente que crea maneiras novas de estar no rural, ás veces xente nova, que adoitan ter un respecto especial pola natureza, por un estilo de vida máis arredado do simple gañar e gañar. Valorar todo iso.
Levar ás celebracións, nas formas oportunas, a vida, o esforzo, a loita, de quen se empeña por permanecer no rural.
Valorar moito a fermosura do medio rural; levala ás celebracións (ramas, ramos, flores, froitos…), como mostras da fermosura da creación de Deus, do mesmo Deus.
Valorar, agradecer a participación en asociacións e sindicatos rurais, e mesmo en partidos políticos, sen decantarse por nada, pero insistindo en que o importante é que os dereitos da xente máis vulnerable sexan respectados.
7.- Facer rede con xente que ande coas mesmas ansias
Establecer vínculos entre parroquias, con xente que estea “viva”, que empuxe e dea esperanza, Visitar lugares, persoas, experiencias que nos parezan interesantes, tanto desde o punto de vista civil como eclesial. Saber integrar esas dúas realidades nunha mesma actitude de agradecemento e de compromiso.
8.- Respectar, valorar a nosa lingua galega
que é parte da identidade cando menos da nosa xente do campo. Desentenderse da nosa lingua acaba sendo, a niveis moi fondos, unha maneira máis, e non a menos importante, de desentenderse da xente, de restarlle valor á súa vida, á súa historia, a unha creación cultural tan preciosa como é unha lingua. A mellor maneira de valorarala é falala con humilde orgullo, igual que con humilde orgullo mostramos a igrexa de San Martiño de Mondoñedo ou outra obra de arte calquera.
A parte disto, empregala na liturxia adquire un significado especial: acaba sendo unha maneira máis, e non a menos importante tampouco, de unir fe e vida, de unir o que cada día vivimos, facemos, compartimos, loitamos, -normalmente en galego-, co que celebramos nos ámbitos específicos da fe. A lingua castelá aínda está moi vinculada ao grande, ao poder, ao estudado; non empregar o galego na liturxia, e si o castelán, no fondo afirma que Deus pertence a ese grupo social de poder, sendo que Xesús nolo presentou como especialmente próximo aos pequenos, ao pobo humilde. Non chega con falar galego; tampouco quere dicir que haxa que falar e facer todo en galego, pero debería ter na nosa acción pastoral un lugar relevante, cando menos en pé de total igualdade co castelán.
9.- Andar moito coa xente
Foi un distintivo da acción de Xesús: saíu de onda Xoán e dedicouse a andar os camiños, para bater con xente, cousa que lle permitiu inaugurar aqueles cinco pasos da súa metodoloxía pastoral: primerear, comprometerse, acompañar, frutificar e celebrar. Cando un non saiba que facer pastoralmente, ir estar coa xente, visitala, falar, interesarse por ela e pola súa vida, coñecer as súas dificultades…, e ver logo que é o que me piden as vidas contadas e coñecidas. Falar tamén de un mesmo, dos nosos medos, preocupacións, alegrías, … facerse un coa xente.
10.- Ser creativo para inventar recursos de evanxelización, fóra do regular e ditado (Misas, catequeses …)
Vou visitar un enfermo/a, lévolle un regaliño calquera, unha foto dalgunha celebración da parroquia, festa, acontecemento, e póñolle un pequeno agradecemento a Deus. Sei que son as vodas de prata dunha parella, e fágolles chegar uns versiños agarimosos; unha familia pídeme que lle bendiga a casa porque pensa que sobre dela pesa algún tipo de maldición (falo por experiencia), preparar ben un sinxelo ritual de bendición positivo, e déixolle unha oración para que a recen na casa, etc. Hai unha bendición rutineira de coches polo San Cristovo, igual se podería facer algo distinto, cun pequeno toque evanxelizador. Conseguimos amañar un cemiterio coa colaboración veciñal; acordamos celebrar unha merenda e para empezar facemos un agradecemento a toda a xente, a Deus, presente nesa iniciativa veciñal.
Igual non sempre todo o mundo ten esta creatividade. Desde o grupo da delegación de Pastoral Rural estamos dispostos a atender e axudar entre todos a ofrecer materiais neste senso. Pensamos que hai que evitar botar man da misa para todo, porque se desvirtúa a mesma misa, porque se matan outras iniciativas de evanxelización; ademais é importante que a xente aprenda a vivir o relixioso fóra de espazos tradicionalmente relixiosos (un cura dicindo a misa), como un paso máis para unir fe e vida.
«Valorar tamén iniciativas novas que se poidan dar na campo, xente que crea maneiras novas de estar no rural, ás veces xente nova, que adoitan ter un respecto especial pola natureza, por un estilo de vida máis arredado do simple gañar e gañar»