Que será ser cura?

No meu anterior artigo referíame ás miñas vodas de ouro sacerdotais e facíao, non porque esa efeméride sexa noticia transcendente. Non o é, e se o fose veríase diluída entre as celebracións de centos de sacerdotes que ata agora viñemos celebrando ano a ano os cincuenta da nosa ordenación en España. Eses centos van baixando conforme pasan os anos ata que poida darse unha recuperación, que non terá que ser tan numerosa coma en tempos pasados; xa que na medida en que os segrares asuman a vocación e misión que lles corresponden polo sacerdocio bautismal, serán menos necesarios os ministerios ordenados, con todo o beneficioso que iso pode ser pra unha Igrexa máis auténtica e menos clericalizada.

Facía referencia, por se podía espertar algún interese, ó que dixen no acto conmemorativo. Algún interese espertou a xulgar polas visitas a medios ou blogs en que apareceu publicado. Iso anímame a retomar algo relacionado con isto que xa dixen algunha vez, e que no seu día tamén interesou a máis de un.

Trátase da miña resposta á hipotética pregunta: Que é un cura? Advirto que non é una resposta elaborada desde grandes tratados teolóxicos sobre o sacerdocio ou desde profundos estudos sobre o Sacramento do Orde. Nin sequera estou seguro de se esa resposta miña resistiría a análise da Congregación de inspección da Doutrina da Fe. Recollereina en dos capítulos porque pra un só facíse un pouco loga.

Nin hai unha resposta única nin sería doado atopala, porque do Santo Cura de Ars a, poñamos por caso, San Xoán Bosco, hai notables diferenzas, como as hai tamén entre o papa Francisco e mesmamente o seu predecesor, Benedicto XVI. Se a memoria non me falla moito, creo que desde sempre veño escoitando consideracións deste tipo: “O sitio dos curas é a sancristía”; “Os curas teñen que implicarse máis na sociedade e saír das sancristías”; “Os curas non deben meterse en política”; “Un cura tamén pode ser alcalde ou deputado, por que non?”; “O cura que atenda a dicir misas e lle deixe ó alcalde facer camiños”; “Se o alcalde fora algo máis á misa, os camiños non beneficiarían sempre ós mesmos”; “Me gustó el cura hoy. Aterrizó y tocó problemas reales”; “El cura que atienda a predicar el evangelio, que ya somos mayorcitos para saber si hemos de pedir para Cáritas con un traje de 1.400 euros o de 100”.

Como non creo que haxa unha única resposta ás preguntas: Que é o matrimonio ou que é ser pais? Tampouco a hai á pregunta sobre ser cura e o desenvolvemento da súa función nos distintos tempos e lugares. Coma en todo, cada un responderá desde as súas experiencias, afectividade, coñecementos, ignorancia, obxectividade, indiferenza ou mesmo desde a xenreira.

Dicía con toda verdade no discursiño da celebración das vodas de prata, que aínda estou aprendendo cada día a ser cura e iso que xa non estou plenamente en activo, quizás por iso vou descubrindo a cantidade de xente necesitada de que alguén a escoite. Debera haber o oficio de escoitador. Polo mesmo, seguramente non pense o mesmo hoxe sobre o que é ser cura ca a hai trinta anos, ou nalgún aspecto, ca o ano pasado.

Entre o moito que se ten escrito sobre a vocación, misión e función do sacerdote e sobre a natureza do ministerio sacerdotal, que non chego a abarcar na súa totalidade, conténtome con pouco. Chégame co que se di na Carta ós Hebreos, referido ó sacerdote, que non é exactamente o mesmo ca cura, porque cura é un sacerdote que está ó coidado dunhas comunidades e sacerdote tamén o é o que atende un despacho sen “cura de almas”. Ata podería ser cura, e xa hai experiencias, alguén que non é sacerdote, quedando o sacerdote itinerante prá evanxelización e sacramentos.

Na citada Carta ós Hebreos dise isto con pequenas variantes segundo as traducións: “Todo sacerdote escóllese de entre os homes e constitúese sacerdote pra o ben dos homes nas súas relacións con Deus, a fin de que ofreza oblacións e sacrificios polos pecados. É capaz de tratar con indulxencia ós ignorantes e ós descarriados, porque tamén el está rodeado de fraquezas. Por mor destas fraquezas ten que ofrecer sacrificios polos pecados, tanto polos pecados do pobo coma polos seus propios. Ora, ninguén pode coller en por si este honor, senón que hai que ser chamado por Deus”. Cando se escribiu este texto sería impensable no contexto en que se escribiu, que se dixese que se escolle de entre os homes e mulleres e pra moitos, non pra todos, segue sendo impensable aínda hoxe.

A cuestión estará en como se entende o da relación dos homes e mulleres con Deus, ou que é o que fai referencia a Deus; pero en calquera lectura completa do Evanxeo, a Deus atopámolo non só no Sacramento de Altar, senón tamén e directamente no sacramento dos irmáns, especialmente nos máis necesitados.

Seguirei nos próximo capítulo, se non hai mala novidade.

 

«Seguramente non pense o mesmo hoxe sobre o que é ser cura ca a hai trinta anos, ou nalgún aspecto, ca o ano pasado»

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas