A comisión parroquial da concatedral de San Xiao de Ferrol ven de presentar o acto central co que se conmemorarán os 250 anos do templo. O párroco, Antonio Rodríguez Basanta, trasladou hoxe aos medios diocesanos a convocatoria para o vindeiro xoves 27 de abril, que contempla unha conferencia da historiadora Margarita Sánchez e a presentación oficial da Escolanía «San Xiao». Será a partir das 19:00 horas, coa presenza do bispo da nosa diocese, monseñor Fernando García Cadiñanos.
A intervención da profesora Margarita Sánchez xirará en torno á historia do templo ferrolán, da que é unha das maiores especialistas. Cabe salientar a súa obra La concatedral de San Julián: Una iglesia de la Ilustración en la nueva población de A Magdalena (Embora, 2009), na que fai referencia a un templo construído en pleno Século das Luces no que conflúen as vontades da Igrexa, a Armada e a propia cidade de Ferrol. Sánchez é membro do consello de redacción do anuario diocesano «Estudios Mindonienses» desde 1985 e destaca, entre as súas moitas investigacións, varios volumes adicados a historia do concello de San Sadurniño. A presentación da conferencia faraa o sacerdote Ramón Otero Couso, párroco da concatedral durante vintecinco anos e antigo director do anuario da diocese.
Pola súa banda, a Escolanía «San Xiao» é unha agrupación para voces de nenos e nenas con formación musical específica, de entre nove e dezasete anos, dirixida pola soprano Sofía Rodríguez. Xorde co único requisito de ter ganas de cantar e de aprender, e non substitúe, senón que complementa, segundo a súa directora, aos actuais coros parroquiais. Continúa aberta a inscrición para integrarse na formación, da que xa forman parte unha decena de nenas e nenos.
O acto rematará cunha pequena sorpresa: a presentación oficial dun recordo institucional relacionado co templo.



Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.























