Solemnidade do Corpus Christi en Mondoñedo-Ferrol

  • O bispo diocesano presidirá os actos principais, pola mañá na catedral de Mondoñedo e pola tarde na concatedral de Ferrol

A diocese de Mondoñedo-Ferrol celebrará solemnemente a festividade do Corpus Christi o vindeiro domingo 7 de xuño, con actos litúrxicos e procesións nas súas dúas sedes episcopais, Mondoñedo e Ferrol, presididos polo bispo Fernando García Cadiñanos.

En Mondoñedo, a celebración eucarística comezará ás 11:00 horas na catedral-basílica, coa participación do Coro Mestre Pacheco. Tras a misa pontifical, dará comezo a tradicional procesión co Santísimo Sacramento polo percorrido habitual, na que participarán membros do cabido, nenos e nenas de primeira comuñón, a Adoración Nocturna e fieis da parroquia, xunto coa representación municipal baixo mazas. O acompañamento musical correrá a cargo da banda municipal.

Un dos elementos máis característicos desta celebración será, un ano máis, a elaboración de alfombras florais que cubrirán o itinerario procesional. Estas composicións, preparadas durante semanas por alfombristas da cidade, constitúen unha expresión destacada de tradición, dedicación e arraigamento cultural na localidade. Ao remate da procesión, o bispo impartirá a bendición á diocese desde o altar maior da catedral.

Pola súa banda, en Ferrol, a eucaristía celebrarase ás 19:00 horas na concatedral de San Xiao. O acompañamento musical correrá a cargo da Coral Polifónica Ferrolana «A Magdalena».

A continuación, a procesión percorrerá diversas rúas do barrio da Magdalena —Igrexa, Coruña, Magdalena, Terra, Real e Sánchez Barcaiztegui— para regresar ao templo. Durante o percorrido realizaranse dúas estacións en altares preparados para a ocasión: un, xunto á concatedral, organizado polo Grupo Sacramental de Ferrol; e outro, promovido pola comunidade de Cristo Rei, xunto á súa sede. Na procesión están convidados a participar as confrarías, que portarán o trono coa custodia, así como sacerdotes do arciprestado, Cáritas, a Adoración Nocturna, nenos e nenas de primeira comuñón, o grupo de acólitos de Cristo Rei e representantes institucionais. O acompañamento musical estará a cargo da Banda de Música de Infantería de Mariña.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas