Entrevista ao párroco da Nosa Señora do Socorro, na UPA de Ferrol-Centro
«aAmaioría dos peregrinos que comezan a súa peregrinación en Ferrol Vello, cando visitan o primeiro templo do Camiño Inglés, entran na concatedral de San Xiao, onde si vemos o constante crecemento do fenómeno xacobeo»
11 xullo 2022.- Cada vez que lembra que naceu en 1956, Xosé Francisco Delgado, dono dun extraordinario sentido do humor e home sempre afable, lembra que ese foi «o ano dunha gran colleita, no que naceron moitos artistas, desde Mel Gibson e Miguel Bosé ata Andy García e Imanol Arias». Sempre vinculado a Ferrol Vello —é o párroco do Socorro—, segue alzando a voz en defensa dun barrio que, como el mesmo sinala, «está cheo de potencialidades, e debería ter un gran futuro».
Que lle parecen as medidas que se veñen poñendo en marcha, nos últimos anos, para revitalizar o barrio?
Paréceme que hai que seguir avanzando. Porque Ferrol Vello está como todo o mundo pode ver que está, a pesar de que se atopa nun lugar excepcional. Hai que actuar dun xeito decidido, apoiando de verdade a recuperación do barrio, e ademais actuar con criterio.
E cando fala de actuar con criterio, a que se refire?
Falo de que Ferrol Vello é un barrio que ten unha gran historia, unha historia que afunde as súas raíces na Idade Media, e de que ademais posúe a súa propia identidade, unha identidade mariñeira moi marcada. E a min paréceme que iso é algo que hai que ter en conta á hora de ir avanzado de cara a unha verdadeira rehabilitación. Hai que respectar a alma de Ferrol Vello e axudar a que este barrio, un barrio habitado por unha xente marabillosa, volva ser o que foi. Hai que saber preservar o espírito dos lugares que teñen unha fonda raíz mariñeira. Lugares que sempre estiveron moi unidos ao mar.
«A peregrinación é un fenómeno que, felizmente, vai, de novo, a máis —di Xosé Francisco Delgado—. Ver chegar a Ferrol Vello tantos peregrinos para facer o Camiño Inglés é algo moi emocionante».
Coincide iso, ademais, co feito de que a imaxe do Cristo dos Navegantes xa está restaurada…
Si, pero claro: a igrexa do Socorro non a podemos ter aberta todo o día, porque son moitas as cousas que hai que atender, e os sacerdotes que desempeñamos o noso labor no casco histórico de Ferrol non podemos estar pendentes dun só templo. Por iso a maioría dos peregrinos que comezan a súa peregrinación en Ferrol Vello, cando visitan o primeiro templo do Camiño Inglés, entran na concatedral de San Xiao, onde si vemos o constante crecemento do fenómeno xacobeo.
En calquera caso, a devoción ao Cristo dos Navegantes segue estando moi viva…
Si, pero non tanto como nós quereriamos.
A que se refire, exactamente?
A que tanto o Cristo dos Navegantes como incluso a nosa Virxe, a Virxe do Socorro [á que popularmente se coñecía como A Parrocheira, porque as parrocheiras de Ferrol Vello, as súas grandes devotas, tiñan o costume de levarlle como ofrenda os primeiros cartiños que cobraban na súa vida], seguen tendo o afecto da xente do mar e de moitas persoas maiores pero entre os novos xa non é tanto así. E nós queremos revitalizar esa devoción.
Entrevista publicada na edición dixital de La Voz de Galicia
Texto: Ramón Loureiro/Fotografía: José Pardo







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















