A biblioteca «Estudios Mindonienses» de Ferrol intégrase na Rede de Bibliotecas de Galicia

No día de hoxe, 3 de novembro de 2022, foi publicada a ORDE do 20 de outubro de 2022 pola que se resolve a inscrición no Rexistro de Bibliotecas de Galicia e a integración na Rede de Bibliotecas de Galicia da biblioteca diocesana «Estudios Mindonienses«.

A diocese de Mondoñedo-Ferrol solicitou a súa inscrición neste rexistro e a integración na Rede de bibliotecas de Galicia, e os servizos técnicos da consellería de Cultura, Educación, FP e Universidades da Xunta de Galicia, comprobaron que dito equipamento cumpre cos requisitos exixidos no Decreto 41/2001, de refundición da normativa en materia de bibliotecas.

A resolución favorable de integración estará condicionada á sinatura dun convenio onde se recolla a obriga do titular do centro bibliotecario de prestar un servizo público axustado ao estipulado no Decreto 41/2001, e que poderá responder nos restantes termos ás especiais características de cada tipo de centros. O prazo de sinatura deste convenio non deberá ser superior aos tres meses.
 

A biblioteca «Estudios Mindonienses»

A biblioteca localízase no edificio da Domus Ecclesiae de Ferrol, sede do bispado de Mondoñedo-Ferrol na cidade. É unha biblioteca de titularidade privada e especializada en teoloxía, historia de Galicia e historia da diocese de Mondoñedo-Ferrol, resultado da unión da biblioteca orixinal do convictorio sacerdotal da Domus Ecclesiae (1963), e ampliada polas bibliotecas da antiga Escola de Teoloxía e as persoais de varios bispos e sacerdotes diocesanos.

O seu fondo documental está composto, por unha banda, por máis 700 cabeceiras de publicacións periódicas (28.000 números), das que 170 aproximadamente son intercambios en curso, no ámbito da teoloxía, historia, filosofía, filoloxía, artes plásticas e ciencias da educación.

A biblioteca conta, ademais, cun fondo aproximado de 16.000 monografías, integrado na súa maioría por obras dos séculos XX e XXI, aínda que tamén se localizan exemplares dos séculos XIX, XVIII, XVII e XVI, como, por exemplo, unha Sacra Biblia editada en Venecia en 1576 e a Bibliotecae Iuris Canonici Veteris, de 1661, os libros máis antigos que se custodian nas súas dependencias.
 

A rede de bibliotecas de Galicia

A Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia é un conxunto organizado de bibliotecas e servizos bibliotecarios públicos de Galicia para o desenvolvemento e a planificación da oferta bibliotecaria pública, segundo o establecido na Lei 5/2012, do 15 de xuño, de bibliotecas de Galicia.

A dirección e coordinación de Rede de Bibliotecas Públicas de Galicia é responsabilidade da Xunta de Galicia, a través do Servizo do Sistema de Bibliotecas de Galicia da Consellería de Cultura, Educación e Universidade.

Forman parte da Rede:

· As bibliotecas de titularidade estatal situadas dentro do territorio de Galicia.
· Biblioteca Pública da Coruña «Miguel González Garcés».
· Biblioteca Pública de Lugo.
· Biblioteca Pública de Ourense.
· Biblioteca Pública de Pontevedra «Antonio Odriozola».
· Biblioteca Pública de Santiago «Ánxel Casal».
· As 335 bibliotecas de titularidade pública local dependentes de concellos ou entidades públicas locais.
· As 13 bibliotecas públicas e de titularidade privada.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas