- O Encontro Interdiocesano de Pastoral Penitenciaria de Galicia abordou os desafíos humanos e sociais da reinserción
O sábado 7 de marzo, no mosteiro de mosteiro de San Martiño Pinario de Santiago de Compostela, tivo lugar o XII Encontro Interdiocesano de Pastoral Penitenciaria de Galicia, unha xornada de reflexión e diálogo centrada na realidade das persoas estranxeiras en prisión e as estratexias para a súa reinserción social.
A iniciativa reuniu a voluntarios, capeláns, axentes de pastoral e expertos vinculados ao ámbito penitenciario, co obxectivo de analizar os retos humanos, sociais e xurídicos que afrontan as persoas migrantes privadas de liberdade, así como as posibles vías para favorecer a súa integración unha vez cumprida a condena.
A xornada abriuse coa acollida e saúdo do arcebispo de Santiago de Compostela, monseñor Francisco José Prieto Fernández, quen agradeceu o labor “silencioso, constante e profundamente evanxélica” de quen traballa na pastoral penitenciaria. Na súa intervención destacou que este servizo sitúa á Igrexa nun dos espazos onde “a dignidade humana é probada” e onde a esperanza debe anunciarse “con xestos antes que con palabras”.
O prelado subliñou que a realidade dos presos estranxeiros expón desafíos tanto pastorais como humanos. Lembrou que, ao atoparse cunha persoa migrante en prisión, non se trata simplemente dun expediente xudicial, senón dunha historia marcada moitas veces polo desarraigamento, a distancia familiar, as barreiras culturais ou a soidade.
Neste sentido, citou a tradición bíblica que lembra a experiencia do estranxeiro e do exilio na historia do pobo de Dios, e aludiu tamén á mensaxe do papa León XIV, quen sinala que a Igrexa está chamada a construír pontes alí onde outros levantan muros. Así mesmo evocou palabras do papa Francisco sobre a humanidade presente nos cárceres, lugares onde se manifestan tanto o sufrimento como o desexo de perdón e dun novo comezo.
Unha mirada xurídica á relación entre estranxeiría e prisión
Tras unha oración preparada pola diocese de Ourense, que contou coa participación do seu bispo, monseñor Leonardo Lemos Montanet, a xornada continuou co relatorio da xurista de Institucións Penitenciarias María del Puerto Solar.
Baixo o título “Estranxeiría e prisión. Solucións para unha antinomia normativa”, a especialista analizou a complexa relación entre a lexislación penal e a normativa de estranxeiría. Segundo explicou, un mesmo feito xera dúas respostas xurídicas con finalidades diferentes: a sanción penal e a regulación administrativa da situación do estranxeiro.
Del Puerto explicou as dúas vías de expulsión tanto no proceso penitenciario como no proceso administrativo. Unha das consecuencias da expulsión no procedemento penitenciario é a renuncia da administración penitenciaria da responsabilidade de rehabilitar á persoa que comete un delito. Doutra banda, a expulsión administrativa conleva unha gran inestabilidade por parte da persoa que pode ser ou non expulsada.
Entre os aspectos tratados figuraron o posible peso das variables de risco na toma de decisións, o papel do arraigamento como elemento crave en determinados casos, a flexibilidade interpretativa da normativa e o marco legal para o retorno voluntario ao país de orixe. Tamén se expuxo o debate emerxente sobre o uso de intelixencia artificial no ámbito penitenciario e as recomendacións do Consello de Europa nesta materia.
Testemuños en primeira persoa desde o interior da prisión
A xornada continuou tras o xantar cunha mesa redonda na que participaron catro persoas privadas de liberdade, quenes compartiron a súa experiencia persoal e as dificultades que atopan durante a súa estancia en prisión e no proceso de reinserción. Os seus testemuños permitiron achegar aos asistentes a dimensión humana dunha realidade que, segundo sinalouse durante o encontro, adoita permanecer invisibilizada no debate público.
O encontro concluíu cunhas palabras de agradecemento do bispo da diocese de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos, e do relixioso P. Agrelo, quen recoñeceu a participación de relatoras e asistentes e destacaron a importancia de manter espazos de reflexión e compromiso ao redor da realidade penal.
Un manifesto que reclama reformas e unha mirada máis humana
Como peche do encontro, a Pastoral Penitenciaria das dioceses galegas fixo público un manifesto no que expón varias preocupacións e propostas relacionadas coa situación dos presos estranxeiros.
DESCARGA: Manifesto P. Penitenciaria 2026
O documento sinala que nos cárceres existe unha alta presenza de persoas procedentes de contextos de pobreza, exclusión social ou adiccións, así como de persoas con trastornos de saúde mental. Segundo o texto, estas desigualdades sociais non desaparecen en prisión, senón que con frecuencia intensifícanse, afectando especialmente a mulleres, persoas migrantes en situación irregular ou internos con graves problemas de saúde.
O manifesto advirte tamén do risco de que os presos estranxeiros sufran unha “dobre condena”: a pena imposta pola xustiza e a perda de oportunidades de reinserción debido á falta de permisos de residencia ou traballo, ou á imposibilidade de acceder a recursos sociais tras a súa saída de prisión.
Ante esta situación, a Pastoral Penitenciaria propón alternativas como o desenvolvemento de penas non privativas de liberdade, o impulso da xustiza restaurativa e unha maior atención ás causas sociais que están detrás de moitos delitos. Así mesmo, reclama unha revisión legal para que a existencia de antecedentes penais non supoña automaticamente a perda de permisos de residencia ou traballo nos procesos de regularización de persoas estranxeiras.
O documento conclúe apelando a unha mirada social distinta cara á realidade penitenciaria, inspirada na misericordia e na defensa da dignidade humana, e sumándose ao chamamento pola paz e a xustiza nun contexto internacional marcado por tensións e conflitos.
Deste xeito, o encontro celebrado en Santiago de Compostela reafirmou o compromiso da Pastoral Penitenciaria galega co acompañamento das persoas privadas de liberdade e coa procura de camiños que permitan unha reinserción real e digna, especialmente para quen afronta a experiencia do cárcere lonxe do seu país de orixe.











Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















