Os Centros de Menores San Aníbal (Centro de Día e Casa de Familia) e o Centro de Acollida e Inclusión Social María Nazarena deron atención a un total de 52 menores (pertencentes a 43 familias) ao longo de 2024.
A Fillas do Divino Celo–Rogacionistas dan resposta con esta obra social a unha parte importante da demanda existente nestas áreas de atención a menores e inclusión no ámbito comarcal de A Mariña.
Centro de Día de Menores San Aníbal
Polo que se refire ao centro de atención de día (que dispón de 30 prazas e está operativo os 7 días da semana), no que se atende a nenos, nenas e adolescentes que viven coas súas familias, durante o pasado ano deuse cobertura a 32 usuarios (de 25 familias). O 72% deles eran varóns, o que supón unha baixada de 3 puntos porcentuais respecto ao ano anterior. Na súa gran maioría, estes menores proceden do municipio de Burela, seguido de Foz, Cervo, Viveiro e Ribadeo. Con idades comprendidas entre os 3 e os 18 anos, ostentan maioritariamente a nacionalidade española (81%).
A alta sobreocupación (de máis do 40%) que experimentaba o centro nos últimos anos solucionouse xa en 2024, co aumento do número de prazas, que pasou de 20 a 30 co concerto social aprobado pola Xunta de Galicia a finais de 2023.
Casa de Familia San Aníbal
O centro Casa de Familia San Aníbal, que se ocupa en modalidade 24 por 7 de menores que se atopan en situación de garda ou tutela pública por parte da Xunta de Galicia, deu atención durante 2024 a 14 usuarios (de 13 familias). Tendo en conta o tempo de permanencia de cada un deles e en relación co número de prazas (8) que ten este centro, a porcentaxe de ocupación resultante foi do 124%.
Dos 14 usuarios (10 mozos e 4 mozas), o 64% son de nacionalidade española. Outras nacionalidades existentes son: portuguesa, paraguaia, colombiana, senegalesa e maliana. Estas dúas últimas, en concreto, responden aos dous menores non acompañados que chegaron a Galicia desde Canarias en 2023 e 2024 respectivamente e cunha integración (tanto persoal, como escolar, como mesmo laboral) que está a ser plenamente satisfactoria.
Centro de Acollida e Inclusión Social María Nazarena
En canto ao Centro María Nazarena, que ofrece acollemento temporal preferentemente a mulleres con fillos menores ao seu cargo e en situación de vulnerabilidade, atendeu ao longo do ano 2024 a 7 mulleres e 6 menores. Desas 7 unidades familiares, 2 permanecen aínda no centro a data de hoxe; mentres que a duración da estancia das outras 5 foi inferior a seis meses.
O primeiro obxectivo deste servizo é, loxicamente, cubrir as necesidades básicas de aloxamento e manutención destas familias, pero ademais facilítaselles orientación e apoio tanto xurídico-laboral como educativo, sanitario e social. Trátase, pois, de favorecer na maior medida posible a súa integración na sociedade, ao mesmo tempo que se fortalece a súa autoestima e tamén a súa independencia. Os motivos que orixinaron o ingreso destas 7 mulleres e os seus fillos no Centro foron: a exclusión social (4 casos), a violencia intrafamiliar (2) e o desafiuzamento (1).








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















