Un grupo de 24 rapaces e seis adultos –entre eles dous seminaristas– completaron esta semana a peregrinación a Santiago de Compostela a través do Camiño Inglés. Partiron o sábado e chegaron o mércores á praza do Obradoiro, seguindo as cinco etapas nas que se adoita dividir o roteiro que parte desde Ferrol. No seu caso, saíron do santuario da Virxe das Angustias, en Esteiro, onde recibiron a preceptiva beizón do peregrino.
Á súa chegada contaron ademais co apoio do bispo da diocese, Fernando García Cadiñanos, que oficiou a misa do peregrino no templo e ademais realizou unha ofrenda ao apóstolo.
A excursión foi organizada conxuntamente polas pastorais Xuvenil e de Peregrinacións e Camiño de Santiago e, ademais dun reto persoal, foi tamén unha maneira de “fomentar lazos de unión e confraternidade entre os mozos, ademais da interacción e intercambio de experiencias cos adultos que os acompañaron”, explican desde a diocese. Iso sen esquecer o sentido relixioso do Camiño, “que non é outro que ofrecer ao apóstolo Santiago o noso sacrificio, sintíndonos apóstolos en misión”.
Esta marcha foi precedida dunha a San Andrés de Teixido que se celebrou en febreiro e que serviu como experiencia para poder acometer unha peregrinación máis ampla.
📸📸📸 Tras recorrer las 5️⃣ etapas del @caminoinglesofi, los jóvenes de @mondonedoferrol llegaron hoy a Compostela
🙏🏽😇 Nuestro obispo Fernando García quiso acompañarlos y presidió la Misa del Peregrino en la @CatedralStgo pic.twitter.com/dS3HKGIlhl
— Diócesis de Mondoñedo-Ferrol (@mondonedoferrol) April 5, 2023