Ángel Vigo, «un cura exemplar que deixa unha pegada imborrable»

«Agradezo a honra e a responsabilidade de darvos voz aos 172 participantes na homenaxe a Ángel Vigo, e agardo que as miñas palabras respondan ao que todos pensades do ata agora noso párroco.

Ángel leva varias décadas (catro nunhas, tres en Saavedra) con responsabilidades pastorais nunha parroquia de Vilalba, Xoibán, e en sete begontesas: O Castro, Cerdeiras, Donalbai, San Vicente e Santalla de Pena, Saavedra e Virís.

Eu voume, pero a Virxe dos Milagres estará sempre”, dixo Ángel Vigo nunha entrevista no xornal El Progreso. Pois na igrexa da Virxe da nosa devoción, diante da súa imaxe, dicímoslle a Ángel que o respectamos, que o admiramos, que o queremos… e que desexamos que siga a ser, de agora en diante, tan feliz como foi entre nós, e como contribuiu a facernos felices a nós.

Non falo só por min, xa que preguntei a varios amigos pola súa visión deste crego cercano e falador, e froito do que teño visto, e do que me contan, vou citar algunhas das virtudes que o honran; que a todos nos teñen beneficiado.

A primeira é a disposición, sempre cumprindo o “Señor aquí me tés” da Paixón segundo Mateo, de Bach. De día ou de noite, sempre estivo disposto, en calquera momento, para administrar sacramentos, para exercer como crego, veciño e amigo. Sempre itinerante, sempre servicial, sempre cercano, sempre sorrinte, sempre dialogante… comprendendo sempre. Atendendo aos temas relixiosos e aos humanos, colaborando nas obras que compría facer na contorna das igrexas e nos cemiterios, dialogando cos veciños para unilos en accións beneficiosas para a comunidade.

A segunda virtude, a cercanía; facer da igrexa a casa de todos por ser a casa do Pai. As súas igrexas sempre teñen xente, na festa e no diario. E nas súas igrexas sempre hai rapazas e rapaces axudando, lendo, participando… Sempre está á altura das circunstancias. Comprensivo, tolerante… Maior cos maiores, mozo cos mozos, neno cos nenos… Polo seu talante, pola súa cercanía, foi sempre moi querido polos seus feligreses.

A terceira, a caridade… e coido que esto non todos o sabíamos, porque segue a palabra de Xesús no evanxeo de Mateo: Que a túa man esquerda non saiba o que fai a dereita. Tremendamente humano, do seu peto saíron axudas para necesidades imperiosas, e sempre estivo atento ás carencias que foi coñecendo. E non digo máis, porque a caridade é silenciosa. Máis grande canto máis descoñecida.

A cuarta, non a última, é o cumprimento do que dixo Xesús: Deixade que os nenos se acheguen a min.

Maiores que de nenos disfrutaron do maxisterio e da compañía de Ángel Vigo, contan e non paran daquel cura que xogaba con eles ao fútbol, que tiña o equipo máis blanco ancorado no corazón; conversaba con eles… era un deles. E os nenos todos colaboraban con el, encantados con el… Sempre tiña agasallos para os nenos, detalles con eles. Todos o querían de nenos…. Todos o queren agora, de maiores…

Este é o crego co que hoxe viñemos á misa; o noso crego que precisa algo de repouso… El xa dixo que “ser cura no rural conleva ir dun lado para o outro e parar máis ben pouco”. Pois tócalle descansar agora, alomenos un pouco. Sabemos que el non se vai esquecer de todos nós; e tamén sabemos, e el sabe, que nós tamén o lembraremos sempre. Polas razóns xa indicadas, e por todas as demais que cada un de nós ten na súa memoria e no seu corazón, desexámoslle felicidade!.

Felicidades, Ángel Vigo, por superar este rubicón cronolóxico, por ser e estar, por estar aí sempre, por ser un cura exemplar que deixa unha pegada imborrable, e unha presencia agradecida permanente en todos os corazóns aos que fixeches vibrar co teu exemplo, co teu traballo, co teu agarimo.

[Intervención de Xulio Xiz durante a homenaxe ao sacerdote diocesano Ángel Vigo Blanco. Santuario da Nosa Señora dos Milagres de Saavedra, sábado 16 de novembro de 2024]


Tamén che pode interesar

Homenaje en Saavedra al párroco Ángel Vigo (El Progreso A Chaira)
Homenaje al sacerdote Ángel Vigo en el santuario de Saavedra (La Voz de Galicia)

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas