Antonio R. Basanta: «Un descubre que é o Espírito de Deus quen o encamiña e o protexe»

No marco da celebración das vodas sacerdotais que terán lugar o vindeiro 11 de maio en Mondoñedo, a diocese de Mondoñedo-Ferrol quere poñer en valor a traxectoria e o testemuño dos seus presbíteros. Con este motivo, presentamos unha serie de entrevistas que recollen a experiencia, as reflexións e o percorrido vital de quen celebra este aniversario tan significativo no seu ministerio.

Nado en Xove (1950) e ordenado sacerdote en 1976, Antonio Rodríguez Basanta formouse en Lourenzá, Mondoñedo e Salamanca, ampliando estudos en Pedagoxía catequética en Madrid. Desenvolveu unha ampla traxectoria docente e pastoral na diocese, onde exerceu diversos cargos de responsabilidade. Actualmente é párroco moderador da UPA Ferrol-Centro, delegado do Clero e cóengo da catedral de Mondoñedo.

Ao celebrar o teu 50º aniversario de ordenación, cales foron as maiores dificultades e as maiores ledicias do teu ministerio sacerdotal?
Creo que as dificultades se deron máis nos comezos pola la falta de experiencia cando fun destinado a catro parroquias rurais, xa daquela despoboadas e con xente máis ben maior. Sen embargo, aínda sendo difícil, un aprende e mesmo agradece ter pasado por esa experiencia. As alegrías que tiven foron e seguen sendo o achegamento ás persoas, a escoita, o respecto, o servizo desinteresado…, en definitiva, o amor dado e recibido. Un descubre que é o Espírito de Deus quen o encamiña e o protexe.

Como foi o arranque vocacional? E cales foron as razóns fundamentais para o teu compromiso?
A vocación ao sacerdocio, como toda vocación cristiá, necesita un ambiente favorable. Grazas a Deus eu tíveno desde a infancia na familia, no colexio e no Seminario, non exento de crises, como todo na vida, pero percibindo a chamada do Señor que sempre pesou máis que as posibles circunstancias adversas. Os formadores e os sacerdotes que ían diante abrindo camiño foron tamén para min un referente decisivo.

Que lle dirías a un mozo de hoxe que se plantexe o compromiso sacerdotal?
Faríalle tres preguntas para que as pensara ben: que pensas facer da túa vida?; iso que pensas facer, vaite facer máis feliz?; onde cres que está a fonte da felicidade, en buscarte a ti mesmo ou en buscar algo máis?… A cultura dominante non propicia precisamente o pararse a pensar nestas cousas máis fondas e radicais da vida. Por outra banda, o vivir o presente e o disfrutar sen máis da vida, céganos e non favorece as decisións e os compromisos permanentes. Non obstante, onde menos o esperas aparece alguén que pregunta, que busca e que posiblemente responda se o sabemos acoller e acompañar.

Desde o presente, que cambios te chaman máis a atención da sociedade desde hai 50 anos? E na Igrexa?
Á miña xeración tocounos as postrimerías do franquismo, o postconcilio, as repercusións de maio do 68, a transición política, etc. Tempos revoltos e circunstancias cambiantes, e, sen embargo, algúns sobrevivimos. Creo que no fondo había unha gran dose de utopía e desexos de cambiar para ben a sociedade e a Igrexa. Temas como o compromiso cristián, a encarnación na realidade, a presenza testemuñal, o servizo desinteresado, a xenerosidade case a fondo perdido… daban sentido á vida sacerdotal. Son valores sempre vixentes porque están no evanxeo. Outra cousa é que un os viva con coherencia. Se non -porque ninguén é perfecto-, temos o remedio desbordante da misericordia de Deus manifestada en Xesús que nos anima a erguernos e intentalo de novo.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas