- Valentín Ínsua, herdeiro dunha saga de campaneiros e gardián dos toques tradicionais da catedral, acenderá o espírito do Nadal co seu pregón
A catedral de Mondoñedo celebrará este venres 5 de decembro ás 19.30 horas a inauguración do seu monumental belén, nun acto que incluirá o pregón a cargo de Valentín Ínsua, histórico campaneiro do templo mindoniense. O acto, aberto ao público, conta coa organización desde o cabido catedralicio e a colaboración do Concello de Mondoñedo e diversas entidades sociais e culturais da cidade. A bendición do belén faraa o bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos.
Tras o pregón poderase escoitar un concerto de música do Nadal, grazas a colaboración da Asociación Sendeiriña de Mondoñedo, a cargo do Coro de Adultos do Conservatorio de Viveiro, na terceira edición do Festival Panxoliñas no Camiño.
E como na edición anterior, os visitantes poderán disfrutar das alfombras florais de Nadal que prepararon os membros da Asociación de Alfombristas de Galicia.
O belén
O monumental nacemento prepárase grazas á colaboración da Asociación de Belenistas de Mondoñedo. Durante as últimas semanas viñeron traballando durante moitas horas para instalar un dos nacementos máis grandes da provincia de Lugo. O ano pasado foron miles de persoas as que o visitaron e este ano espérase volver alcanzar a cifra. O nacemento está aberto ao público e pódese visitar no horario de apertura da catedral, que habitualmente é de 10 a 14:00 horas e de 17 a 20:00 horas.
Un pregón consolidado
A bendición e apertura do belén da catedral converteuse nos últimos anos nun sinal de identidade do Nadal mindoniense, unindo liturxia, tradición popular e vida cultural na contorna do casco histórico. Distintas figuras do mundo da cultura e da música galega teñen asumido o pregón en edicións anteriores, como o escritor e xornalista Ramón Loureiro ou o compositor ferrolán José Manuel Couce Fraguela, o que consolidou o acto como unha cita destacada no calendario navideño da diocese.
O pregoeiro: Valentín Ínsua
O encargado de abrir o belén deste ano será Valentín Ínsua, unha das figuras máis recoñecidas da catedral pola súa condición de campaneiro titular e polo profundo coñecemento que posúe do edificio e da súa historia. Procede dunha familia vencellada ás campás desde hai máis de oito décadas e é considerado un dos últimos campaneiros tradicionais de Galicia, responsable de conservar toques manuais únicos e de transmitilos ás novas xeracións.
Valentín é un pregoeiro moi especial, non só polo que significa en Mondoñedo, senón porque co pregón alcanza a xubilación como empregado da catedral. Con esta designación, o cabildo catedralicio quere agradecerlle o seu traballo de servizo ao templo nai da diocese. Tamén se organizou un xantar de despedida cos membros do cabido.
Valentín comezou a subir ao campanario sendo un neno, acompañando ao seu tío, e co tempo asumiu o oficio que antes exerceran familiares seus, chegando a ser o único campaneiro en activo nunha catedral galega. Alén do seu labor nas grandes solemnidades litúrxicas, participa tamén en concertos e iniciativas de difusión do patrimonio campaneiro, onde explica a historia e a música das campás da seo, entre as que destaca “Paula da Asunción”, considerada a campá máis antiga de Galicia e un auténtico símbolo da cidade.
Ademais de campaneiro, Valentín Ínsua traballa como empregado da propia catedral, ocupándose de diferentes tarefas de apoio ao cabido e de atención aos visitantes, o que o converte nun dos rostros máis coñecidos para quen se achega ao templo.









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.



















