- Tras o roubo e a profanación do sagrario da igrexa, o bispo Fernando García presidirá o martes 29 unha eucaristía de desagravio
Descoñecidos entraron o pasado sábado ao mediodía na igrexa parroquial do Sagrado Corazón de María de Guitiriz e cometeron unha profanación do sagrario. Os autores arrincaron o sagrario do seu lugar, forzaron a pechadura e abriron o recipiente, do que extraeron o copón. As hostias consagradas foron espalladas na praza do pobo, mentres que o copón de prata foi subtraído.
A Diocese de Mondoñedo‑Ferrol cualifica o suceso como un «gravísimo acto» que constitúe unha afrenta directa á eucaristía, centro da fe e da vida da Igrexa. Ante esta situación, a diocese, co bispo á fronte, expresa a súa «máis enérxica condena» por unha profanación que «fire profundamente os sentimentos relixiosos dos católicos e de toda a comunidade parroquial de Guitiriz» e que atenta directamente contra o dereito á liberdade relixiosa.
Segundo a doutrina católica, este feito representa unha grave ofensa ao Señor Sacramentado, presente na eucaristía, e afecta á fe do pobo de Deus. Os feitos foron denunciados ante as autoridades competentes, que abriron unha investigación para identificar aos responsables.
Como resposta pastoral, o bispo diocesano, monseñor Fernando García Cadiñanos, invitou a comunidade cristiá de Guitiriz e a quen o desexe a sumarse á oración e a participar nos actos de reparación. A eucaristía de reparación celebrarase o martes 29 de setembro, ás 20:00 horas, na igrexa do Sagrado Corazón de María, coa presenza do bispo.









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















