- A catedral de Mondoñedo acolleu a cerimonia de ordenación presidida polo bispo Fernando García, coa participación do Coro de A Devesa e a presenza de familiares chegados de Colombia e de fieis de varias parroquias e UPA
O pasado sábado, 19 de stemebro, a catedral de Mondoñedo viveu unha xornada solemne e emotiva coa ordenación sacerdotal do diácono Víctor Andrés Segura. O acto relixioso estivo presidido polo bispo da Diocese de Mondoñedo‑Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos. Concelebraron os formadores do Seminario Interdiocesano, numerosos sacerdotes do presbiterio diocesano, así como outros chegados de fóra. A parte musical correu a cargo do Coro Parroquial de A Devesa, que se converte xa nun coro habitual neste tipo de celebracións.
Asistiron numerosas persoas que abarrotaban o templo. Entre elas destacaban os pais e a familia do neopresbítero, chegados desde Colombia, así como amigos e fieis das parroquias nas que Andrés colaborou durante os últimos anos. Tamén estiveron presentes fieis das parroquias onde foi destinado o novo sacerdote: a UPA de Viveiro, especialmente as parroquias de O Barqueiro e Mañón. Foi destacada a presenza dun grupo de persoas xordas que, con intérprete, seguiron a cerimonia (Andrés acompañou pastoralmente a este grupo de persoas no seu proceso de fe).
A celebración foi retransmitida en directo a través da canle oficial de Youtube da diocese, permitindo que achegados de diversos lugares acompañasen virtualmente ao protagonista neste acontecemento para a Igrexa local.
«Deus conta contigo para traballar para el na súa mesma misión»
Tras o rito de elección, o bispo pronunciou a súa homilía. Nela, ademais de felicitar a toda a diocese por este regalo que o Señor nos fai nun servidor, invitouno a «perseverar nese sí á chamada que hoxe daba solemnemente pero que é froito dunha historia de síes e que debe de coidar e mimar cada día». Comentando o evanxeo do domingo, a parábola dos xornaleiros enviados á viña, centrouse en tres aspectos: por unha parte, «que a vocación é froito dun Deus que sae ao teu encontro, que te necesita e que o fai por amor. El conta contigo para traballar para el na súa mesma misión. Esta é toda unha responsabilidade». Ademais, «é un traballo con outros: o presbiterio e o laicado, que non elixiches, pero cos que tes que compartir a misión sendo así un sacerdote de todos e para todos».
O segundo aspecto ao que se referiu foron as queixas, os cálculos, as reclamacións e as comparacións que aparecen na parábola. «Son froito de poñerse un no centro, en lugar de poñer a Cristo e á comunidade á que es enviado. Cando isto sucede, aparecen as queixas e os cálculos que non nos permiten darnos».
Por último, referiuse tamén á misión do sacerdote desde a parábola: «A túa tarefa é saír constantemente á praza para convocar e reunir á xente na comunidade eclesial onde descubran a beleza dun Deus bo, que ten camiños diferentes aos da humanidade». Nesta liña citou unhas palabras do papa León XIV: «Saian e encóntrense coa xente, coa vida. Admiren aquilo que Deus fai medrar sen que nós o sementemos».
Un ministerio en clave de entrega
Seguiron os ritos propios da celebración, quizais o máis emotivo, cando o candidato se prostra no chan implorando a axuda de Deus. Seguiron a imposición de mans, tamén de todos os sacerdotes como sinal de acollemento, a crismación das mans e os ritos das vestiduras e a entrega do cáliz. Desde ese momento, o novo sacerdote concelebrou a eucaristía co resto de presbíteros.
Tras a comuñón, Andrés Segura dirixiu unhas palabras a todos os asistentes. Foron de agradecemento a Deus, á súa familia, ao bispo e a toda a diócese e a todas as comunidades cristiás coas que compartiu o seu proceso vocacional. Insistiu na importancia de vivir preto da xente, compartindo a humanidade, pero desvelando o misterio dun Deus amigo dos homes. Na súa intervención fixo un alegato de vivir o ministerio sacerdotal en clave de entrega, proximidade e fraternidade con todos. As súas palabras foron ratificadas cun forte e prolongado aplauso. Ao finalizar recibiu a felicitación e os saúdos de todos os asistentes.
Primeira misa e entrada na UPA de Viveiro
Un día despois da ordenación, Andrés presidiu a súa primeira misa na cidade de Ferrol, na igrexa da Nosa Señora do Rosario (UPA Ferrol-Ensanche), parroquia á que sempre estivo moi vencellado durante a súa etapa pastoral.
Por outra parte, a súa entrada oficial nas parroquias encomendadas da UPA de Viveiro será o vindeiro domingo 4 de outubro, con eucaristías ás 11:00 horas na igrexa do Barqueiro e ás 12:00 horas no Vicedo. O bispo Fernando García acompañará ao novo sacerdote nesta xornada tan especial.











Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















