De quen foi e é competencia o papel hixiénico na sanidade pública? (II)

Lamento profundamente deixar sufrindo a algúns desde fai oito días. Nunca un as ten todas presentes e non me din conta de que hai persoas cos humores dos hipocondrios tan descompensados que sofren unha terrible enfermidade que consiste en sentir os síntomas de todas as que van atopando nos compañeiros de camiño. Dous lectores disimuladamente acusáronme de ser eu a causa de que non lles andase o ventre nestes últimos oito días. Era o que me faltaba agora á miña idade!

Permítanme determe un chisquiño nisto da Hipocondria. Non lle desexo este mal nin ó peor inimigo, sobre todo desde que souben dun médico que se volveu hipocondríaco desde que tiña a praza en propiedade. Era un médico dos de antes, dos que eran especialistas en todas as disciplinas e atendendo nunha casa a unha parturenta, tamén el rompeu augas. Unha veciña, parteira ela de oído, quero dicir sen partitura, e coñecida como “A Gaceta” dedicouse a pregoar que don Epifanio ata dilatara; cousa moi pouco probable, porque cos primeiros empuxes desmaiouse, como nos pasaría á maioría dos homes. Tivo que deixar a profesión e mesmo hai quen o compara con Argán, o Enfermo imaxinario de Molière; pero non. Non hai comparanza; porque don Epifanio non anda maquinando casoiros coma Argán. Está recluído na súa habitación e mata o tempo non vivíndoo de paso que apampa cara a tele mirando debuxos animados en xaponés, pero sen traducir, nin subtitulados, nin dicionario.

Este traballiño é divulgativo; pero se fose de rigor científico cabería dicir algo do síndrome de “Couvade” polo que algúns pais ó comezo e ó remate do embarazo da muller senten síntomas semellantes ós da preñada aínda que polo ADN non sexan o verdadeiro proxenitor. E de aí saltaríamos ó ñandú, esa especie do Vello Mundo semellante ós avestruces, pero máis pequerrecha na que non é infrecuente que sexa o macho quen se mete na cama pra chocar os ovos, mentres a femia vai buscar con que manterse. Non atino a entender como non está xa en marcha a Semana do Ñandú Común, debido ó dimorfismo sexual dalgúns individuos da mesma especie.

A ver se non perdemos o fío. Quedabamos en que às sete da mañá dun infausto día do 1985 no Hospital Xeral-Calde de Lugo pedira este servidor papel hixiénico pra facer fronte a unha necesidade perentoria e compulsiva ó mesmo tempo.

Serían ó redor das nove e media, cando entrou na habitación deixando aberta de par en par a porta, a CHDL (Chica da Limpeza), que máis ben debería ser SDL (Señora da Limpeza) aínda que ela debía pensar que seguía sendo CH; porque levaba unha minisaia que lle quedaba como un rifle de caza maior a un San Francisco de Asís. Ó vela chegar, tamén crin ver o ceo aberto e pensei que por fin podería abrir pracenteiramente os meus esfínteres máis pudibundos antes de que puidesen relaxarse debido á prolongada sobrecarga a que estaban sometidos dando lugar a uns momentos de bochorno cando lles tocase a quenda ás FDCH (Facedoras de Camas Hospitalarias).

De maneira que, moi amablemente, volvín a implorarlle, disimulando a miña angustia, o nunca tan desexado papel.

Ela, tamén con moitísima amabilidade, interrompeu o "Onditas veñen" que, como oración matutina, canturreaba en son de salmodia, e contestoume: – Tan presto acabe de pasarle la fregona a la planta xa llo traio de contadito; pero aínda me queda todo o outro lado y lo que te rondaré, morena.

Recei un Padrenuestro implorando o milagre de que non se producise unha descarga intempestiva antes de que a CHDL rematase de pasarlle a fregona ó te rondaré, morena.

Segundo me contou logo o veciño de habitación, de sobrenome o TTB (Trescentas Trinta B) que saíra fumar un cigarro medio clandestino ó descanso das escaleiras xerais, expoñendo, fachendoso e arrogante, á contemplación de cantos subisen ou baixasen os súas case esqueléticas canelas, que navegaban con soltura nunhas frouxas chancletas de cor rosa e o pixama que un día tivera cor e que co tempo perdera cor e dez centímetros polo menos en cada perneira.

Dicía, ou máis ben quería dicir, que, segundo el, meu transitorio compañeiro de habitación, cando a CHDL acabou o seu traballo, atopouse alí mesmo diante del, no descanso da escaleira cunha compañeira doutra planta á que lle preguntou que número do cupón da ONCE saíra premiado a véspera pola noite e, ante a resposta da outra non se lle ocorreu nada mellor que exclamar: – ¡Santo Dios! ¡Por dous números! ¡Nunca tanto me aproximei como esta noite!

¡Boa a fíxo!, porque lle respondeu a outra con malos modos que se se aproximase como debía, en virtude do débito matrimonial, non andaría o seu marido pescudando case todas as noites a ver se atopaba a quen aproximarse.

Mentres tanto, eu seguía impotente e por fortuna inoperante, sentindo no máis íntimo de min mesmo aproximarse lenta pero irremisiblemente á súa saída, o que por lei natural tiña que saír con papel hixiénico ou sen el.

Aquel día non tomei nin un simple sorbo de café ó almorzo pra evitar que a inxesta actuase de baqueta armamentística seguida de maza de percusión.

A todo isto, aí polas dez corenta e cinco, cadroulle de pasar á TDTA (Tomadora de Tensión Arterial), que dispoñía dun horario bastante flexible e que gardaba con encomiable circunspección datos non transferibles, como puiden deducir ó experimentar que nunca logrei que me revelase a tensión que indicaba a maquinita que eu tiña. Parecíame inxusto o feito de non revelarma a diario. Vivíao silenciosamente como un espolio de algo moi meu aproveitando o meu estado de indefensión, xa que, se a tensión era a miña tensión e só miña, nin sequera inducida por fármacos, dieta ou estrés hospitalario, debía ampararme o dereito a coñecer algo da miña exclusiva propiedade.

Andando o tempo e consultado o Aranzadi cheguei á conclusión de que cando hai lexislación por medio as realidades deixan de ser simples pra transformarse en poliédricas. Estaba eu nun craso error que me levaba a emitir xuízos temerarios.

Non me amparaba dereito ningún particular, porque por encima do ben individual está o ben común, do que dimanan case todas as ordes de expropiación. Intento explicarme:

A tensión, por ser tan mutante, tanto a alza como á baixa, non pode considerarse, salvo raras excepcións, como un ente conxénito, nin endóxeno, nin hereditario. E, aínda que en circunstancias normais se dese por bo que a tensión arterial ou a súa equivalente, a presión sanguínea, fose do paciente hospitalizado, o coñecemento da mesma é en principio da TDTA debidamente capacitada e autorizada, e ata na parte alícuota correspondente pode ser considerada a devandita tensión  como propiedade da colectividade, ou cando menos, segundo outros autores, a colectividade pode considerarse dona de certos emolumentos usufructuarios, por ser obtido o coñecemento da mesma mediante instrumental privado pero de uso público, ou á viceversa, adquirido con diñeiro dos orzamentos das administracións competentes na materia. Tal é tamén o caso dos fonendos, cadeiras de rodas e cueiros, propios e intransferibles de cada hospital da rede pública, independentemente da marca ou modelo, que aí é onde poden entrar os tanto por centos de financiamento en B ós partidos políticos.

Sendo isto así, o da tensión, non o dos partidos, asáltame unha nova dúbida: como pode xustificarse que eu non poida coñece a miña tensión ó poñerme sempre de costas a pantallita do tensiómetro, pero en cambio poida coñecer a miña o veciño de habitación ou eu a súa a través da mesma pantalla indefectiblemente orientada de costas ó interfecto? Haberá que modificar a lei e estráñame que non estea xa traballando niso algunha comisión parlamentaria de partidos que tanto avogan polo ansiado cambio.

Se todo segue a súa canle tamén seguiremos dentro de oito días, pero, por favor, non me fagan volver a sentir mal. Están caendo as once daquel fatídico día e polas trece estaba resolto o problema.
 

 

«Recei un Padrenuestro implorando o milagre de que non se producise unha descarga intempestiva antes de que a CHDL rematase de pasarlle a fregona ó te rondaré, morena»

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas