O pasado venres 12 de setembro tivo lugar a presentacion oficial do anuario de estudos histórico-teolóxicos da nosa diocese, «Estudios Mindonienses», que alcanza xa o número 38, con dezanove traballos de investigación inéditos a través de máis de seiscentas páxinas.
No acto, ademáis do director da publicación, interviñeron dous investigadores: o sacerdote Xaquín Campo presentou o seu traballo sobre a panorámica da Igrexa de Mondoñedo-Ferrol entre os anos 1963 e 2007, mentres que a profesora María Elvira Lezcano o fixo sobre a identidade cultural do santuario de Santo André de Teixido, unha das inconas do patrimonio galego.
Entre os asistentes estiveron o bispo da diocese, monseñor Fernando García; o alcalde da cidade de Mondoñedo, Manuel Ángel Otero; membros dos consellos asesores da revista; investigadores como Eduardo Pardo de Guevara, Fernando Dopico, Pilar Blanco e Francisco Castro; autores participantes neste volumen, como o profesor leonés Carriedo Tejedo; o escritor Ramón Loureiro; sacerdotes, suscritores da revista e público en xeral. Un equipo do programa da Televisión de Galicia «Polo camiño da fe» gravou varias entrevistas e fixo unha reportaxe do acto, que moi pronto se emitirá a través desta canle.
Benito Méndez: «A diocese quere manter o esforzo e a paixón dos fundadores de Estudios Mindonienses»
O director da revista, o profesor Benito Méndez, destacou que o acto da presentación da revista, despois de trinta e oito anos, «xa se converteu en tradición». Confirmou que desde a diocese e o cabido da catedral, promotores da publicación, queren «manter o esforzo e a paixón dos fundadores que puxeron neste proxecto de anuario diosesano», a pesares de que, salvo contribucións puntuais, é a diocese a única entidade que se encarga dos custos da publicación, polo que un ano máis se pode falar dunha «pequena milagre», como xa dicía no ano 1991 Segundo Pérez, promotor de Estudios Mindonienses. Destacou que Estudios Mindonienses foi unha das publicacións pioneiras en España na promoción do coñecemento da historia local e rematou agradecendo o traballo desinteresado dos investigadores, quenes «gratis e con amor contribuíron a dar a coñecer a historia da nosa diocese en todas as súas facetas: documental, artística, socio-relixiosa, hermenéutica…».
Xaquín Campo: «Os curas obreiros de Ferrolterra estivemos onde estaría Xesús»
O sacerdote diocesano Xaquín Campo centrou a súa conferencia na vivencia personal como testemuña activa na acción social da Igrexa ferrolá durante as décadas dos anos 60 e 70, para rematar cunha análise máis profunda do momento actual que está a vivir o mundo e a Igrexa como parte fundamental del. Na súa lembranza nomeou a bispos e sacerdotes da nosa diocese que tiveron un papel destacado no mundo obreiro e no medio dunha conflitividade social que tivo desgrazadamente o seu punto álxido coas mortes de Amador Rey e Daniel Niebla no ano 1972: monseñor Araúxo, Gabriel Pita da Veiga, Alfonso Gil o José Boullosa, entre moitos outros.
Mª. Elvira Lezcano: «Os visitantes de San Andrés de Teixido teñen motivacións moi diversas»
A profesora da Universidade da Coruña e especialista en Turismo, María Elvira Lezcano, presentou as liñas de acción do seu traballo conxunto co investigador Sergio Muíño, centrado na converxencia entre a identidade cultural do santuario de Santo André de Teixido e un futuro compartido. Profundou en cuestións relacionadas co turismo neste destacado centro de peregrinaxe, destacando unha iniciativa que naceu nas redes sociais e que a día de hoxe converteuse nun referente cultural e turístico como é a plataforma «Eu fun de vivo».
Manuel Ángel Otero: «É impagable o traballo que os investigadores aportan á cultura e á historia do noso territorio»
Na súa intervención, o alcalde de Mondoñedo agradeceu á diocese e á dirección do anuario que a presentación se realizase este ano na cidade episcopal. Subliñou o orgullo que supuña tanto a nivel persoal como institucional que unha publicación de estudios locais como é Estudios Mindonienses continúe a sair á rúa «trinta e oito anos despois do seu primeiro número». Avogou pola implicación das institucións na financiación da revista, xa que, segundo o seu parecer, «a diocese e os artífices do anuario merécenno». «É impagable», rematou, «todo o traballo que estes investigadores aportan á cultura e á historia do noso territorio».

Mons. García Cadiñanos: «El que sabe conocer lo que pasó también posibilita vivir mejor el futuro»
Pola súa parte, o bispo diocesano, destacou a complexidade de que unha publicación científica deste tipo poida manterse no tempo. «A veces empezar es fácil, pero continuar es muy difícil, y sobre todo, continuar con una cierta calidad, tanto literaria, como en los contenidos históricos», subliñou. Agradeceu á dirección da revista e a «todos los que habéis participado en este volumen y en los anteriores», pedíndolles que non cansasen de «seguir aportando vuestra sabiduría». Tamén afondou na continuidade da revista, constatando que «tiene voluntad de permanencia en el tiempo», xa que é «un servicio que nuestra Iglesia hace por el bien de la Iglesia misma y de la sociedad, para conocer mejor nuestras raíces, nuestra identidad, para identificar mejor lo que estamos viviendo, para que la brújula de nuestra historia la sepamos interpretar y nunca nos perdamos, porque el que sabe conocer lo que pasó, también posibilita vivir mejor el futuro».
Ao rematar o acto entregáronse exemplares da revista a todos os presentes para, a continuación, gozar dun ágape no comedor principal do Seminario.









Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















