Intervención semanal do administrador diocesano a través dos micrófonos da Cadena COPE
· VII DOMINGO DE PASCUA. ASCENSIÓN DO SEÑOR: Celebramos hoxe o misterio que profesamos no Credo: Cristo, unha vez resucitado de entre os mortos, subiu ao ceo e está sentado á dereita do Pai. Abriunos así as portas da gloria para facernos partícipes da súa divindade. El, como cabeza nosa, quixo precedernos, para que nós, membros do seu corpo, vivamos coa ardente esperanza de seguilo no seu reino. Unha esperanza que se apoia tamén en saber que el está connosco ata que volva cheo de gloria. Mentres, temos que cumprir co seu encargo de ir ao mundo enteiro e proclamar o Evanxeo a toda a creación.
· Celebramos hoxe a Xornada Mundial das Comunicación Sociais co lema “Ven e veralo”. O papa Francisco lémbranos aos xornalistas e comunicadores a importancia de “desgastar os zapatos”, de achegarnos a aqueles que sofren, de ser valentes neste tempo de pandemia e, sobre todo, de intentar ser honestos coas persoas que nos len ou nos escoitan.
· Aínda que seguimos en plena pandemia, xa imos pouco a pouco retomando certa normalidade nas nosas vidas. Onte, de feito, celebrouse en Vilalba unha reunión dos equipos de acompañamento das UPA, as unidades pastorais que xa están a funcionar ou “en proceso de” ao longo de todo o territorio diocesano.
· Xa que falamos da vida cotiá das nosas parroquias, neste mes de maio xa se están a organizar celebracións de primeiras comuñóns e confirmacións, neste último caso as primeiras presididas por vostede como administrador diocesano. Para chegar a recibir estes sacramentos é fundamental o traballo dos e das catequistas, que esta semana recibían un apoio fundamental ao explicitarse e facerse público o texto do papa Francisco que considera a súa misión como un ministerio da Igrexa.
· Analizando cuestións que volven a unha certa normalidade, este venres retomábanse as visitas turísticas á Catedral de Mondoñedo. Precisamente a catedral e tamén outros templos diocesanos son este fin de semana os escenarios dun ciclo musical enmarcado no Camiño Norte.
· Xa que nos referimos a cuestións patrimoniais, temos que falar da santa Rita de Xuvia, por dous motivos. Un deles, porque se celebra a súa onomástica o vindeiro sábado 22 de maio, e xa este venres daba inicio a novena na súa honra. Outro, porque con motivo desta celebración, a parroquia ven de recibir unha reliquia de santa Rita, procedente do mosteiro italiano de Cassia, co seu documento de autenticidade.
«Comunicar é un traballo diario: ser honestos coas persoas e mostrar a realidade tal e como é»