O arcebispado de Santiago de Compostela acolleu onte xoves unha reunión conxunta dos vigairos xerais e dos ecónomos das cinco dioceses de Galicia. Previamente, reuníronse por serparado, para xuntarse despois e compartir diversos temas comúns. Gonzalo Varela, vigairo xeral, e Xoán Xosé Fernández, ecónomo, representaraon á nosa diocese.
Doutra banda, nesta ocasión en Lugo, os delegados e directores dos departamentos de comunicación das dioceses de Galicia reuníronse co bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco, responsable desta área de pastoral na provincia eclesiástica. Na reunión fixeron balance das actividades comunicativas que levan a cabo conxuntamente e planificaron algunhas das programadas para os vindeiros meses. Aínda que cada diocese é completamente autónoma na súa actuación, hai moitas campañas e actividades que se desenvolven conxuntamente no territorio de Galicia e que requiren dunha comunicación coordinada. En representación da nosa diocese estiveron Carlos Alonso e Javier Martínez.
Tras a reunión, aproveitando este encontro de comunicación, as directoras do programa de radio «El Espejo», que cada venres se emite a través da Cadena COPE, gravaron un programa rexional especial no que deron conta da actualidade informativa das cinco dioceses. O programa emitirase hoxe venres e estará dispoñible a través das distintas canles de Youtube.
Encontro de delegados da Pastoral Xuvenil
Esta mesma semana, o bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco, como responsable en Galicia da Pastoral Xuvenil, recibiu aos responsables das distintas dioceses galegas. No encontro fixeron balance das actividades organizadas conxuntamente durante o curso e planificaron as que levarán durante o 2025, entre as que está o Xubileu. Jorge Rodríguez, delegado diocesano de Pastoral Xuvenil, representou a Mondoñedo-Ferrol.