-
A cerimonia ante o Santísimo Sacramento expresa a vontade histórica de unidade e representación do conxunto de Galicia
A catedral de Lugo acollerá este domingo, 14 de xuño, ás 11:00 horas, a celebración da Ofrenda do Reino de Galicia ao Santísimo Sacramento, unha das tradicións máis singulares do patrimonio relixioso, histórico e institucional galego.
A edición deste ano permite salientar dous aspectos especialmente relevantes desta tradición secular: por unha banda, a documentación histórica conservada acredita a continuidade da Ofrenda durante máis de tres séculos, confirmando que a cerimonia se mantivo viva xeración tras xeración ata a actualidade. Non se trata, polo tanto, dunha práctica recuperada tras períodos de interrupción, senón dunha celebración que nunca deixou de formar parte da vida relixiosa e institucional de Galicia. Por outra banda, a evolución histórica da cerimonia pon de manifesto a importancia do acordo adoptado en 1926, polo que se estableceu o sistema rotatorio de presentación da Ofrenda entre as sete cidades históricas galegas. Esta decisión expresa a vontade de participación conxunta de toda Galicia nunha celebración considerada patrimonio común, garantindo a presenza periódica das distintas cidades en Lugo.
A Ofrenda constitúe unha expresión singular da vinculación histórica de Galicia co Santísimo Sacramento. Desde hai séculos, as sete cidades do antigo Reino de Galicia acoden á catedral de Lugo para realizar esta ofrenda en nome de toda a comunidade galega.
Neste ano, a representación do antigo Reino de Galicia corresponderalle á cidade de Tui. A Ofrenda será presentada polo seu alcalde, Enrique Cabaleiro González, e recibida por monseñor Antonio Valín Valdés, bispo de Tui-Vigo. A dimensión popular da celebración volverá facerse patente nesta edición. Xunto á representación institucional, a cidade de Tui desprazarase a Lugo con tres autobuses nos que viaxarán membros da corporación municipal, integrantes da Asociación Traxe Tradicional de Tui e numerosos veciños que desexan participar nunha cerimonia que forma parte do patrimonio común de Galicia.
A celebración contará ademais coa participación de diversas asociacións culturais vinculadas á conservación e difusión das tradicións galegas. Á presenza habitual de Os Xílgaros de Lugo, encargados do acompañamento musical en distintos momentos do acto, sumarase este ano o grupo etnográfico Traxandaina, cuxos integrantes acudirán vestidos con indumentaria tradicional de distintas comarcas da provincia de Lugo, visibilizando así o patrimonio cultural asociado a unha das cerimonias máis emblemáticas de Galicia.
En representación da nosa diocese estará o bispo monseñor Fernando García Cadiñanos.
Máis aló do seu valor histórico, a continuidade desta tradición pon de relevo a capacidade dun pobo para conservar e transmitir ao longo do tempo aquilo que considera esencial.
Fonte: Diocese de Lugo








Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















