Os prelados acordan manter nas dioceses respectivas o carácter festivo deste día
14 marzo 2022.- Acabamos de celebrar un Ano dedicado a San Xosé con motivo da conmemoración dos 150 anos do decreto Quemadmodum Deus, co cal o beato Pío IX declarou a san Xosé patrón da Igrexa universal. Na súa carta apostólica Patris Corde, o papa Francisco propoñíanos a san Xosé como “un pai na tenrura, na obediencia e a acollida”, e convidábanos a buscar en “San Xosé -o home que pasa desapercibido, o home da presenza diaria, discreta e oculta- un intercesor, un apoio unha guía en tempos de dificultade”.
A Igrexa venérao con especial honra como patrón, a quen o Señor constituíu sobre a súa familia. A persoa e a vida de san Xosé teñen na historia da nosa salvación unha importancia que foi recoñecida sempre pola sagrada liturxia e as leis canónicas ao propoñer a súa festa como día de precepto (cf. canon 1246). Tradicionalmente o pobo cristián secundou esta norma dando un significativo realce familiar e social á festa do 19 de marzo.
Neste ano de 2022, este día foi declarado laborable na comunidade autónoma de Galicia. Ante a necesidade de fixar claramente o tratamento que dita festa debe ter por parte da comunidade católica, os bispos da provincia eclesiástica de Santiago acordamos manter nas dioceses respectivas o carácter festivo deste día.
En consecuencia, e para coñecemento dos fieis, dispoñemos:
1. Manter o 19 de marzo, solemnidade de San Xosé, festa de precepto, coa obrigación de participar na Santa Misa, aínda que sexa laboralmente hábil. Con todo, téñase en conta que, segundo o establecido no calendario litúrxico-pastoral da Conferencia Episcopal, a solemnidade chega soamente ata a hora nona do sábado 19 xa que, despois, comezan as I vésperas do domingo III de Coresma.
2. Aqueles fieis que teñan xornada laboral ordinaria quedan dispensados do precepto, aínda que se lles pide e recomenda vivamente a participación na eucaristía dese día de festa dedicado a San Xosé, esposo da Virxe.
3. Seguindo o calendario litúrxico-pastoral da Conferencia Episcopal Española, a solemnidade de San José comezará a celebrarse na tarde do venres, día 18 de marzo. Para a misa vespertina do día 19 de marzo utilizarase o formulario do domingo III de Coresma.
4. Pedir, igualmente, aos párrocos e reitores de igrexas que informen os fieis con antelación destas decisións e acomoden no posible os horarios de misas ás posibilidades e necesidades dos fieis.
5. Ao coincidir a celebración do Día do Seminario coa festividade de San Xosé, a oración e a colecta para o Seminario diocesano serán trasladadas á tarde do sábado, día 19, e ao domingo, día 20 de marzo.
+ Julián, Arcebispo de Santiago
+ Luis, Bispo de Tui-Vigo
+ Alfonso, Bispo de Lugo
+ José Leonardo, Bispo de Ourense
+ Fernando, Bispo de Mondoñedo-Ferrol
+ Francisco José, Bispo Auxiliar de Santiago







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.



















