O sacerdote Ángel Vigo despídese de Saavedra: «Eu voume, pero a Virxe dos Milagres estará sempre»

Don Ángel Vigo leva moitos quilómetros ás súas espaldas, pero tamén moitas historias. Algunhas doces, e outras máis amargas, pero todas «únicas», e é que ser cura no rural conleva ir «dun lado para o outro e parar máis ben pouco».

Encargado, entre outras, da sonada igrexa de Santa María de Saavedra, no concello de Begonte, á que cada ano visitan miles de fieis para render culto á Virxe dos Milagres, «non ten prezo», asegura Vigo, que leva preto de 30 anos como cura do santuario, do que se despide agora xunto a outras cinco parroquias, porque «xa toca descansar algo», asegura o párroco de 84 anos, natural de Pedrafita de Guitiriz.

Non pode evitar emocionarse ao botar a mirada atrás, en especial cando mira de fronte á Virxe dos Milagres. Esa santa que chama a tantos devotos, e á que Vigo lle confire todos os méritos. Para el, o maior milagre «é o que está feito», pero recoñece que moitas das historias dos fieis que a visitan son realmente impactantes.

«Eu fíxenme un chorón ao vir para aquí», di o guitiricense con bágoas nos ollos mentres lembra a un home que se tumbou nada máis chegar ao santuario fronte á Virxe para enmendarlle que salvara ao seu fillo da morte.

Ángel di que un «nunca se afai a iso». Tampouco a ver á xente chegar á igrexa de xeonllos. «Sempre lles digo que a Virxe non pide iso, pero cada un ten as súas razóns», afirma o guitiricense, que asegura que a festividade dos Milagres experimentou «un alza incrible, e cada ano vai a mellor».

É complicado atopar un motivo concreto, pero o párroco cre que agora, o obxectivo, «é conseguir que veña á igrexa máis xente nova para que as parroquias rurais non queden no olvido«.


Un problema importante: a falta de relevo xeracional

El explica que, ademais dos devotos, a falta de relevo xeracional nas é un problema ao que se enfrontan día a día moitos núcleos. «O bispo non pode xogar moito porque non ten ‘mimbre’ para facer cestos, ten que xogar cos que ten», explica o cura en relación á repartición de parroquias, que no caso de Saavedra, case que coma unha ‘rara avis’ entre o resto, xa contará con substituto nada máis marchar o guitirense, que continuará dando a misa noutras dúas parroquias do concello begontés.

«Non podo dicir unha soa mala palabra da miña estancia en Saavedra, todo o que me levo é marabilloso«, sostén Vigo, que se sente moi afortunado por ter coñecido a tanta xente diferente a través dunha das igrexas máis visitadas da provincia. «Sempre che fun festeiro, aínda sendo cura, porque a min o que me gusta é falar coa xente e estar activo», sostén Ángel, que di que ninguén confiaba en que el chegaría a cura.

Dende ben pequeno, o guitiricense foi estudar a Lugo porque era «moi traste», e a estancia xunto á súa irmá nun piso situado fronte ao Seminario, espertou en Vigo a vocación por ser cura. «Vía a aqueles homes pasear coas súas sotanas vermellas e sempre dicía: eu quero ser coma eles». E dito e feito. Ángel levou a cabo o seu desexo. Comezou dando misa no ano 1965 na Fonsagrada, hai case 60 anos, e xa nunca o deixou.

A vida pegou moitas voltas ata que o guitiricense deu a parar á igrexa de Saavedra que, tal e como asegura el, é o maior exemplo de milagre en si mesmo. «A igrexa ardeu, e o único que quedou intacto foi a Virxe, á que soamente lograron roubar nalgunhas ocasións as xoias que portaba», indica o cura, que cada día madruga para chegar a Saavedra e preparar todo para a misa logo de ir dar unha volta por Rábade para tomar un café cos amigos, porque Ángel é, ante todo, un home de costumes.


Homenaxe o 16 de novembro

Este agora é soamente un «ata pronto», xa que el pensa seguir indo á súa preciada igrexa dos Milagres sempre que poida. Pero os seus feligreses prepararanlle unha festa en homenaxe ao seu labor o próximo 16 de novembro. «A min non me gustan moito estas cousas, porque non me gusta ser proganista, pero estou moi agradecido«, di coa voz entrecortada e os ollos brillantes. «Eu voume, pero a Virxe dos Milagres estará sempre«, conclúe.

Fonte: El Progreso A Chaira

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas