Cada 11 de febreiro (festividade da Nosa Señora de Lourdes) a Igrexa universal celebra a Xornada Mundial do Enfermo, unha oportunidade privilexiada para lembrar e reforzar a predilección de Xesús polos máis febles e vulnerables, aqueles que ven mermada a súa saúde e os seus azos por mor da enfermidade en calquera das súas manifestacións.
Tendo como referencia esta data tan sinalada, desde a Hospitalidade de Lourdes emprenderon fai anos a iniciativa de significar o día 11 de cada mes como tempo para lembrar ós enfermos cunha oración especial en Santa Icía de Trasancos (Ferrol-Narón), sé oficial da Hospitalidade de Lourdes na nosa diocese.
Nesta mesma liña de visibilizar e acompañar ós doentes e feridos polo sufrimento, desde a delegación diocesana de Pastoral da Saúde e Maiores recollerá e ampliará este xesto en favor dos nosos enfermos, das súas familias e coidadores.
«É a nosa vontade tamén», comenta o delegado diocesano, José Luis Fernández, «vincular esta celebración coa piedade popular en tantos lugares do noso territorio diocesano aos que a tradición atribúe especial significado no eido da sanación (tantas ermidas e santuarios adicados ao Noso Señor, á Virxe e aos santos, espallados polas nosa terra) alí onde acoden con devoción, movidos pola fe e a esperanza no Deus da Vida, enfermos e familiares necesitados de axuda e de consolo.
«Consideramos parte fundamental da nosa misión, como delegación da Pastoral da Saúde e Maiores, amosar a tenrura e a cercanía de Deus e da súa Igrexa a cantos sofren, dándolles o debido protagonismo no sentido da presenza, a pertenza e a participación na vida do pobo de Deus, do que constitúen unha parte imprescindible», subraia Fernández.
Con este motivo, desde esta delegación animan a todos os sacerdotes a incluir nas eucaristías do día 11 de cada mes as intencións dos enfermos das súas respectivas comunidades, ao tempo que convidan aos doentes e maiores a participar activamente nestas celebracións “en comunidade”. Asimesmo, pídenlles aos relixiosos, consagrados e laicos, como intención na súa oración particular de cada día 11, unha pregaria polos enfermos e maiores membros das súas familias e comunidades.
«Agardamos que esta proposta sexa acollida con entusiasmo e xenerosidade», remata o delegado, «para que en breve se convirta en fermosa realidade en todo o territorio da nosa Igrexa particular de Mondoñedo-Ferrol».