As bibliotecas diocesanas comezan a catalogación do seu fondo moderno

Continuando co proceso de conservación, modernización e posta en valor do patrimonio documental da diocese, iniciado hai case tres anos coa integración da biblioteca Estudios Mindonienses de Ferrol na Rede de Bibliotecas de Galicia, a creación da Cátedra Diocese-Universidade da Coruña e a habilitación de espazos para depósito e salas de consulta, as bibliotecas de Estudios Mindonienses (Ferrol) e do seminario Santa Catalina (Mondoñedo) comezaron estes días a catalogación do seu fondo moderno, integrado por preto de 70.000 monografías e 35.000 revistas.

O catálogo está dispoñible en liña de forma permanente a través da web https://estudiosmindonienses.biblio.gal, integrado no sistema de bibliotecas de Galicia, na sección de bibliotecas especializadas.

Está previsto que o traballo técnico da catalogación se estenda durante varios anos debido ao elevado número de volumes conservados nas dúas bibliotecas. Para avanzar no proceso a diocese contará neste curso coa axuda do alumnado do Grao de Xestión Dixital da Información e a Documentación da Universidade da Coruña, a través de prácticas externas, ao amparo do convenio de cooperación educativa suscrito entre a diocese e a UDC. Tamén está previsto que, neste caso a través da Cátedra Diocese-UDC, podan convocarse en 2024 varias bolsas remuneradas de colaboración, que sen dúbida darán pulo a este proxecto documental.


Doazóns de bibliotecas particulares e proxecto de futuro

De cara ao futuro, aínda que é un proxecto nacente, a diocese xa está a utilizar a antiga igrexa de Esteiro, na rúa Carlos III de Ferrol, como depósito de libros, instalación na que vai ubicando as bibliotecas persoais doadas por sacerdotes e particulares, aquelas especialmente significativas polo seu valor cultural e bibliográfico ou pola súa especialización técnica. Recentemente a diocese recibiu parte da biblioteca da escritora pontevedresa Encarna Vidal e a do aparellador ferrolán Fernando Bores, e nos vindeiros meses está prevista a recepción da do teólogo Segundo Leonardo Pérez, composta por máis de 45.000 volumes.

A diocese, a través dun dos seus bibliotecarios, Carlos Alonso, quixo agradecer a «confianza depositada na nosa institución por parte destes doantes», asegurando que «estamos a traballar arreo por garantir a perfecta conservación e a futura difusión das bibliotecas recibidas». Tamén animou, especialmente aos sacerdotes, a que «conten coa diocese se están a valorar desfacerse das súas coleccións persoais», a pesar de que «desgraciadamente non podemos aceptar todo o que nos ofrecen, porque nas bibliotecas temos sempre o problema do espazo ou o da duplicación de documentos».

Interior da igrexa de Esteiro

Como indicaba recentemente o director do anuario Estudios Mindonienses e membro do comité da Cátedra Diocese-UDC, Benito Méndez, a intención da diocese é crear na cidade de Ferrol unha gran biblioteca diocesana especializada. Para elo xa se iniciaron contactos coa delegación diocesana de Patrimonio, de cara a preparar un proxecto sólido que permita levar adiante esta ambiciosa iniciativa cultural.


Actuacións nas bibliotecas do seminario e do museo da catedral

No referido ás bibliotecas de Mondoñedo, durante os últimos meses acondicionáronse as salas de depósito do seminario, nas que aínda continúa o proceso de ordenación e clasificación. As salas de investigadores estarán destinadas a acoller os fondos «Diocese», «Igrexa en Galicia» e «Galicia», mentres que a antiga sala de lectura habilitouse para acoller as obras de referencia e as de temática non relixiosa. Neste proceso, ademáis do técnico da diocese, contouse coa colaboración do sacerdote diocesano José Vega.

Sala de investigadores do seminario

En canto á biblioteca do museo da catedral, procedeuse ao traslado dos seus fondos ao seminario, xa que a sala principal e o seu mobiliario estaban afectados por problemas de humidade e insectos. A diocese ten previsto o reacondicionamento integral deste espazo para dedicalo a outros usos.

Cabe lembrar que o fondo histórico da biblioteca patrimonial do seminario é accesible desde hai anos a través da web da Biblioteca Dixital de Galicia-GALICIANA.

Biblioteca do museo da catedral

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas