Que a Palabra de Deus ecoe con forza en cada fogar galego: www.abiblia.gal presentouse en Vilalba

A Casa da Cultura de Vilalba acolleu onte, martes 24 de xuño, a presentación na nosa diocese da versión online en galego da Biblia. No acto interviron o bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos; Óscar Fernández Expósito, profesor de Sagrada Escritura non Instituto Teolóxico Compostelán; Lois Santiago Subiela, programador de Ozono Multimedia e encargado de deseñar a nova plataforma; Silvestre Gómez Xurxo, presidente de SEPT; e Modesta Campo Valiña, membro do Consello Pastoral Diocesano.


«Que a Palabra de Deus ecoe con forza en cada fogar galego, guiándonos sempre polo camiño do amor, a xustiza e a paz»

Na quenda de intervencións, o primeiro en falar foi o informático Lois Santiago, quen explicou o funcionamento do novo portal web, nunha intervención guiada que o público presente puido seguir a través dos seus dispositivos móbiles. A continuación tomou a palabra Silvestre Gómez, presidente de SEPT, quen fixo referencia á edición de 1965 do libro A Palabra de Deus: Evanxelios, «o primeiro libro que publicou a nosa editorial» (neste 2025 celebra o seu 60º aniversario). Destacou a chegada en 1973 de Alfonso Zulueta e Xosé Francisco Domínguez, fundamentais para a historia da traducción da Biblia, xa que deles partiu a decisión de traducir a Biblia ao galego desde as linguas orixinais. E por último profundou nas principais diferencias entre a Biblia impresa e a edición online.

Na súa intervención, o biblista Óscar Fernández, resaltou o labor dos tradutores da Biblia ao galego e, en especial, de José Fernández Lago. «Trátase», afirmou, «dunha obra impresionante» e interpelou ás novas xeracións «a facer a nosa tradución da Biblia, ou facer as oportunas revisións da edición, así como elaborar en galego estudos científicos e divulgativos sobre a Escritura, tendo en conta os avances actuais». Tamén quixo destacar o descoñecemento que se ten da Biblia actualmente na nosa terra, unha situación na que, «tampouco a lingua galega recibe toda o recoñecemento que se merece, e por circunstancias moi diversas, non acaba de ser acollida plenamente no día a día da maioría dos ámbitos eclesiais, pese aos esforzos que se fan». Rematou dicindo que o acceso á Biblia en galego «contribúe a dar acceso á Palabra de Deus que testemuña a Xesucristo, desde os ollos e o corazón do pobo galego expresado na súa lingua».

Pola súa parte, Modesta Campo, membro do Consello Diocesano de Pastoral, fixo un percorrido pola fala da Terra Chá, lembrando historias da súa nenez nas que a lectura da Biblia en galego tivo unha grande influencia persoal. «Nas escolas de catequistas e os grupos de liturxia», subliñou, «tivemos unha oportunidade de traballar naquelo que ninguén do noso entorno puido facer, sendo unha formación bíblica importantísima». Por último, lembrou o traballo que fixeron no ámbito da pastoral rural Manolo Regal e Xosé Antón Miguélez.

Na parte final, o bispo García Cadiñanos animou a todos e todas a acoller «con entusiasmo esta proposta e que a Biblia sexa máis lida, coñecida, estudada e, sobre todo, vivida». «O verdadeiro valor da Biblia», recalcou, «non reside só na súa lectura ou no seu coñecemento, senón na capacidade de vivir a súa mensaxe no noso día a día». E ramatou cun desexo: «Que esta Biblia sexa un instrumento poderoso para o crecemento espiritual individual e colectivo, e que a Palabra de Deus ecoe con forza en cada fogar galego, guiándonos sempre polo camiño do amor, a xustiza e a paz».


Enlace permanente a www.abiblia.gal desde a páxina web diocesana

O sitio web www.abiblia.gal permite unha lectura doada da Biblia en galego, así como a súa consulta e procuras de formas diversas. Ata o de agora a Biblia podería ser lida en soporte libro, mesmo descargarse en PDF: con esta plataforma o acceso é máis fácil, máis rápido, libre e desde calquera lugar do mundo con acceso a internet.

Este novo portal contará cun enlace permanente na portada da páxina web da nosa diocese, situado no apartado «Documentos destacados».

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas