Monseñor Fernando García Cadiñanos participará nos actos programados para o vinceiro 3 de xullo
473 peregrinos con discapacidade intelectual procedentes de toda España participarán en Santiago na tradicional Peregrinación Xacobea
28 xuño 2022.- A partir do vindeiro luns 27 de xuño, a inclusión volve a percorrer o Camiño de Santiago, da man de 473 peregrinos con discapacidade intelectual procedentes de toda España.
Trátase da xa clásica Peregrinación Xacobea que organiza Special Olympics Galicia cada Ano Santo, co fin de visibilizar o movemento asociativo da discapacidade intelectual así como ás familias, profesionais e persoas voluntarias que conforman dito movemento.
O director do Plan Xacobeo Ildefonso de la Campa destacou na presentación oficial que “o deporte é unha das mellores formas de integrar, de normalizar e de visibilizar ás persoas con discapacidade intelectual na nosa comunidade, e o Xacobeo confía e considera como socio continuado neste tipo de actividades a Special Olympics Galicia. Por elo, quero aproveitar esta ocasión para dicir que no noso plan director seguiremos afondando nos próximos anos na garantía da accesibilidade do Camiño do Santiago e dos seus albergues para poder atender ao conxunto da poboación da nosa comunidade”.
Pola súa banda, o presidente de Special Olympics Galicia, Eladio Fernández, explicou pormenorizadamente as actividades que protagonizarán a semana de peregrinación e agradeceu a colaboración de todas as entidades e organismos que veñen colaborando coas actividades de Special Olympics “este é un proxecto transversal que nacía alá polo ano 1993, e no que tanto Special Olympics Galicia como FADEMGA Plena inclusión Galicia temos a satisfacción de poder dicir que por onde pasamos somos ben recibidos e contamos con todos os apoios, sexan da cor política que sexan, algo que nos enorgullece e que queremos potenciar, para que a política sexa cada vez máis inclusiva e dialogante”.
MÁIS DE 450 PEREGRINOS E 7 CAMIÑOS
Entre o 27 e o 3 de xullo, un total de 303 peregrinos de toda Galicia sumados aos 170 peregrinos procedentes de Murcia, Barcelona e Valencia, serán os protagonistas destas peregrinacións, que se desenvolverán a través dos Camiños de Inverno, Camiño Norte, Camiño Primitivo, Camiño Francés, Camiño Portugués, Camiño Inglés e Vía da Plata.
Todas e cada unha das rutas contarán cunha saída oficial. A primeira destas saídas será a do Camiño Primitivo, que terá lugar este domingo 26 de xuño dende a Praza do Concello de Monforte, e dende a cal nos acompañarán entre outras autoridades, o presidente da Deputación de Lugo, José Tomé Roca.
Un día despois e de maneira simultánea, terán lugar as saídas das rutas restantes. Cada unha destas saídas tamén contará coa participación de diferentes autoridades locais, provinciais e autonómicas, destacando a participación do director de Administración e Relacións coas Asociacións de Amigos do Camiño de Santiago, Ildefonso de la Campa Montenegro, dende a saída oficial do Camiño Primitivo, (praza do Concello de Lugo ás 10.30 horas) ou do director xeral de maiores e discapacidade da Xunta, D. Fernando González Abeijón dende a saída do Camiño Portugués (Praza do Concello de Porriño, 10:30 horas).
ETAPA SIMBÓLICA, ACTO RELIXIOSO E CONVIVENCIA FAMILIAR
Despois de seis días de peregrinación, o 3 de xullo terá lugar a etapa final, na que se reunirán todos os peregrinos que estiveron a percorrer os diferentes camiños para facer esta última etapa entre o Monte do Gozo e a Alameda de Santiago. Alí comezará a chamada “etapa simbólica” que os levará ata a Praza da Quintana, onde terá lugar ás 12:00 horas, a celebración do acto relixioso a cargo do arcebispo de Santiago, monseñor Julián Barrio Barrio. Está previsa a presenza do bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos.
Fonte: Special Olimpics Galicia