Vilalba acollerá este sábado o Festival Solidario de Manos Unidas

Manos Unidas é unha organización da Igrexa católica en España para a axuda, promoción e desenvolvemento dos países máis desfavorecidos. Ten dúas liñas de traballo: Dar a coñecer e denunciar a existencia da fame e da pobreza, as súas causas e as posibles solucións. E reunir os medios económicos para financiar os programas, planos y proxectos de desenvolvemento integral dirixidos a atender estas necesidades.

A delegación de Manos Unidas de Mondoñedo-Ferrol sensibiliza, neste momento, co proxecto «REDUCCIÓN DE LA CEGUERA Y ENFERMEDADES OCULARES EN MEKI», compartido con outras delegacións. Etiopía é o país máis poboado de África, cunha poboación moi nova e unha gran diversidade lingüística, cultural, étnica e relixiosa. O 85% da poboación vive no rural, polo que a agricultura é a base da súa economía que, debido á guerra civil, cambio climático e pragas nos cultivos, conta neste momento cun crecemento negativo, de xeito que case a cuarta parte da poboación vive na máis absoluta pobreza.

Este país ten un dos maiores índices mundiais de cegueira e dificultades de visión por causas evitables como o glaucoma, o tracoma ou as cataratas debidos en moita medida á pobreza, mala nutrición, falta de educación sanitaria e carencia de servizos sanitarios. En toda Oromía, localización deste proxecto, non existe nin unha soa clínica oftalmolóxica.

É por iso que o socio local, Fundación Pablo Horstmann, en colaboración co Vicariato Católico de Meki, pretende crear unha clínica oftalmolóxica onde se tratarán todas as enfermidades oftálmicas de xeito gratuíto, ademais de dar información aos pacientes a través de charlas para a súa sensibilización. Este proxecto beneficiará anualmente a máis de vinte mil persoas, do que Manos Unidas cubriría o 19% do seu custo total.


Festival benéfico en Vilaba

Para colaborar con este nove proxecto solidario, a delegación comarcal de Manos Unidas de Vilalba organiza unha nova edición do tradicional Festival Benéfico de Manos Unidas. Terá lugar o vindeiro sábado 22 de abril, ás 20:30 hhoras. no auditorio municipal «Carmen Estévez» de Vilalba. É posible grazas á colaboración do Concello de Vilalba e a entrada única ten un custo de cinco euros. Presentado por María Xosé Lamas, contará coas intervencións de Néstor Xesús González Lamas, a Coral Luar e a Coral «Entre lusco e fuesco».


Artistas colaboradores

Néstor Xesús González Lamas. Ao longo destes anos que se leva a celebrar este festival, Néstor Xesús González Lamas ten colaborado en moitas ocasións, por iso é coñecido pola maioría das persoa que están presentes máis, para quen descoñeza a súa traxectoria, faremos un breve apunte. Ademais de ser titulado en Profesorado de Primaria, estudou grao medio de piano no Conservatorio Municipal Profesional de Vilalba e cursou estudos de Ciclo Superior de piano e composición no Conservatorio Superior de Música de A Coruña. Ten no seu haber múltiples composicións orixinais para piano, é arranxista de pezas musicais tanto para banda como para orquestra e coros, actúa de pianista nas formacións corais Virxe do Monte de Cospeito e Coral Luar de Vilalba e é membro –xunto con Miguel Díaz Coira- de Vilalba Ensemble. Na súa traxectoria como intérprete de piano, participou en numerosos concertos, actividades escolares e multitude de eventos, a maioría das veces –como nesta ocasión- desinteresadamente.

Coral Luar. Por iniciativa do director do Centro Sociocomunitario de Vilalba, José Antonio Pita Paz, nace no ano 1991 a coral do centro, formada por persoas maiores e baixo a dirección de José Guntín Currás, que permanece á fronte da mesma ata que, por motivos de saúde, deixa a dirección facéndose cargo en 1993 José Cancio Sanjuan ata o 2011. Desde o ano 2012 ata 2015 dirixiuna Rogelio Lombo Veiga. Na actualidade, o seu director é José Miguel Díaz Coira, sendo pianista acompañante Néstor Xesús González Lamas. Está formada por 28 voces mixtas, ás que se engadiron varias incorporacións de voces xoves reforzando o seu carácter interxeracional. No seu repertorio, conta con máis de setenta temas que abranguen música relixiosa, misas en galego e castelán, panxoliñas, habaneiras, música galega, e un longo etcétera. Organiza dende 1998 o Concerto de Música con motivo das Letras Galegas e promove eventos como os encontros de corais que se levan celebrando en Vilalba por Nadal dende hai algúns anos. Pertence a FECOGA e participa nos programas organizados polas Áreas de Cultura da Deputación de Lugo e do Concello de Vilalba.

Entre lusco e fusco. Entre Lusco e Fusco é un grupo de baile, canto e música tradicional que remonta as súas orixes ao ano 1990. Ao longo destes 33 anos de percorrido, os membros da asociación tiveron a oportunidade de acudir á Televisión de Galicia, de facer intercambios culturais tanto na nosa comunidade como fóra dela, actuar en distintos eventos, actos e festividades da Terra Chá, ademais de participar na vida cultural da vila e os seus arredores. Na actualidade conta con arredor de oitenta socios e socias de distintas franxas de idade: nenos/as, adolescentes e adultos/as, repartidos nas diferentes actividades. A asociación conta cunha escola de folclore galego que conta con: grupo de gaitas, que é o máis representativo da asociación e ao que pertencen os e as compoñentes con máis experiencia da mesma; clases de gaitas para adultos/as e infantil; clases de pandeireta para nenos/as e xoves e adultos/as; e clases de percusión e canto para adultos/as.

Fotografía: Fundación Pablo Horstmann

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas