O Concello de Viveiro participa na celebración da segunda edición dos ‘Días da Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua’ do 1 ao 15 de outubro. Nesta ocasión, e dada a acollida da iniciativa o pasado ano, celebrarase durante quince días en lugar de dous.
Trátase dunha iniciativa organizada pola propia Rede Europea de Celebracións de Semana Santa e Pascua, da que fai parte o Concello de Viveiro. Nace con carácter anual, e permite dar a coñecer os valores culturais tanxibles e intanxibles da Semana Santa fóra da súa época de celebración, ademais de ofrecer unha oferta turística e cultural para a poboación local e visitante.
A alcaldesa de Viveiro, María Loureiro, destaca que esta “é unha oportunidade perfecta para seguir poñendo en valor a proxección internacional da nosa Semana Santa”. “Dende o Goberno local apostamos por manter e aumentar a cooperación con organismos como esta Rede Europea para seguir dando a coñecer Viveiro ao mundo”, engadiu.
Durante os días en que terá lugar, o Concello de Viveiro organiza actividades que se desenvolverán de forma simultánea no resto de localidades adheridas. Entre a programación, inclúense portas abertas a museos de Semana Santa e casas irmandade, visitas a talleres de arte sacra e talleres de creación artística contemporánea con demostracións, visitas guiadas temáticas sobre a Semana Santa, concertos de música confrade ou degustacións gastronómicas.
O obxectivo da Rede Europea é promocionar e difundir o patrimonio cultural, tanto material como inmaterial, relacionado coas celebracións da Semana Santa e Pascua.
Faino a través de accións que poñan en valor este patrimonio, impulsen a súa contorna cun desenvolvemento turístico sostible e contribúan a salvagardarlo a través do traballo científico e de investigación.
Do mesmo xeito, o seu fin é sumar esforzos para consolidar un modelo de estudo, salvagarda e difusión do patrimonio das tradicións da Semana Santa e Pascua en Europa. En total celebraranse ao longo da primeira quincena de outubro máis dunha trintena de actividades, que se poden consultar en www.holyweekeurope.com
Fonte: Crónica3.com A Mariña







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















