Carta da nova delegada diocesana da Pastoral Penal: «Todos precisamos de segundas, terceiras e moitas máis novas oportunidades»

Na última quenda de nomeamentos para a acción pastoral diocesana no próximo curso, o noso benquerido bispo, monseñor Fernando García Cadiñanos, pediume se podía pórme á fronte da delegación de Pastoral Penal. Seguramente hai persoas con mellor preparación e con máis títulos académicos ca min. Ao final deste escrito tamén vos direi algo de min.

Pero, de comezo, sei algo certo. Xesús dixo: «Douche as grazas Pai Santo, Señor do ceo e da terra, porque escondiches estas cousas aos sabios e entendidos deste mundo e reveláchesllas á xente sinxela» (Mt 11, 25-30). “Bendito sexa Deus, Pai do noso Señor Xesús Cristo, que por medio de Cristo nos bendiciu no ceo con toda clase de bendicións do Espírito! Porque nos escolleu antes da formación do mundo, para que fósemos santos e sen mancha perante El polo amor» (Ef 1, 3-4).

Botar a andar as cousas certamente é ben difícil. E a Pastoral Penal esixe moita preparación e compromiso. O máis doado é dicir: Non!

Para min, na miña vida persoal, María sempre foi un referente. Nas alegrías e nas penas, María fiouse de Deus: “Alégrase o meu espírito en Deus, o meu salvador; porque El mirou para a humildade da súa serva” (Lc 1, 47-48). Ela dixo: «Si». E fíxose presente. “María, ven Ti connosco no noso camiñar”, cantamos a cotío na misa parroquial.

Nos anos que levo de contacto co cárcere, cos presos e presas, coas familias e coas vítimas, comprobei que quen traballa de verdade cos pobres son tamén persoas pobres. E no cárcere só hai pobres. Tan pobres que ao oírmos o nome de cada un deles ou delas xa nos dá para atrás. Témolos borrados socialmente do mundo dos “honrados”. Xa só por iso, están entre os máis pobres do mundo máis pobre. E non só iso: Moitos son e están moi enfermos.

Nos anos que levo traballando neste voluntariado e comprometéndome nesta acción pastoral en coordinación coa arquidiocese de Santiago de Compostela, tanto dentro do cárcere, como no traballo de fóra, antes e despois do cárcere, comprobei que son xente esencialmente boa: “Yo soy rebelde porque nadie me amó”. Ao cárcere hai que amalo e coñecelo desde dentro. Nin ensoñacións fantasiosas nin propostas vindicativas. Todos precisamos de segundas, terceiras e moitas máis novas oportunidades. Empezamos a entender algo cando esa ou ese somos nós mesmos ou é alguén da nosa familia.

“Ponte no seu lugar”. Este foi un slogan de Cáritas de hai uns anos. A min marcoume na realidade da vida. E tamén moito me animou saber que nisto non estou soia e non é unha labor solitaria. É esencial unha boa equipa seria e documentada.

Benqueridas todas e todos: desde a fe, a esperanza e o amor, desexo que este meu «si», sexa tamén unha desas oportunidades para min e para todos.

“E dito isto: Alentou sobre deles e díxolles: Recibide o Espírito Santo” (Xn 20, 23). “Amigos nas penas e na festa amigos”.

Grazas, don Fernando. Espero facer o posíbel para cumprir a misión que se me encarga.

No nome da Igrexa e do mundo de pobres.

Nieves Espiñeira Medín

DOCUMENTO: A delegación diocesana de Pastoral Penal. Proxecto de inicio. Urxencias na nosa diocese. Bibliografía.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas