As delegacións do Clero de Galicia organizan as XXIX Xornadas de Poio (Pontevedra), do 11 ao 13 de setembro, baixo o lema «Ser testemuñas nunha sociedade cambiante».
A programación contempla, para o luns 11, dous relatorios a cargo de monseñor Luis Javier Argüello, arcebispo de Valladolid: “Instrumento de traballo pastoral sobre persoa, familia e sociedade” e “A Igrexa, construtora do ben común”, e outros dous relatorios nos que o xornalista Jesús Fontenla falará da comunicación na e da Igrexa.
O martes 12, na xornada de mañá, desenvolveranse dous novos relatorios; dunha banda, Xosé Manuel Domínguez Prieto, director do Instituto da Familia de Ourense, tratará o tema do «Evanxeo da familia na situación actual»; e doutra, Xosé Luis Barreiro Barreiro, profesor de Historia da Filosofía, da misión da «Igrexa nunha sociedade democrática en crise».
O último día, o mércores 13, contempla os relatorios de Cástor Vázquez, comisario de Policía, sobre «Situacións críticas no estado de benestar» e do bispo de Lugo, monseñor Alfonso Carrasco, titulado “Crise da educación na sociedade contemporánea”.
📸 #XornadasClero
O bispo Fernando García encabeza a representación diocesana @mondonedoferrol, xunto cos sacerdotes Ramón Antonio López, José Rey e Antonio Rodríguez pic.twitter.com/amayfCoMLZ— Diócesis de Mondoñedo-Ferrol (@mondonedoferrol) September 11, 2023