Faleceu o sacerdote diocesano Rvdo. Jesús Domínguez Guizán

  • O funeral e enterro celebraranse este martes, ás 16:00 horas, na igrexa parroquial de Begonte

A diocese de Mondoñedo-Ferrol lamenta o falecemento de don Jesús Domínguez Guizán, párroco de San Pedro de Begonte e unha das persoas máis vinculadas á historia do belén electrónico da localidade. Faleceu este domingo aos 93 anos, deixando unha extensa traxectoria de servizo pastoral e un legado cultural de gran valor para Begonte e toda a comarca.

Nado na parroquia de Alba o 19 de febreiro de 1933, foi ordenado sacerdote en Mondoñedo o 6 de abril de 1957. Ao longo do seu ministerio atendeu diversas parroquias da zona, entre elas Damil, Felmil, Valdomar, Illán e Trobo, alén de Begonte, onde desenvolveu un labor pastoral prolongado e moi querida pola freguesía.

O funeral e enterro serán mañá martes 10 de novembro ás 16:00 horas na igrexa de San Pedro de Begonte. A capela ardente instalarase na igrexa parroquial de Begonte hoxe luns, a partir das 9:30 horas, e celebrarase unha misa de velorio de corpo presente ás 20:00 horas.

Descanse en paz.


Reseña biográfica

Naceu en San Xoán de Alba o 19 de febreiro 1933. Cursou os estudos de Latín e Humanidades, Filosofía e Teoloxía no Real Seminario Conciliar de Santa Catalina de Mondoñedo.

Foi ordenado sacerdote o 6 de abril de 1957, desempeñando os seguintes cargos parroquiais:
· Cura ecónomo de Santa María de Montouto e encargado de Santa María da Balsa (1957 – 1959).
· Vicario-coadxutor de Santiago de Felmil e o Divino Salvador de Damil (1959-1966).
· Administrador parroquial de San Pedro de Begonte, San Xoán de Valdomar e Santa Helena de Virís (1986)
· Párroco de San Pedro de Begonte, San Xoán de Valdomar, Santa Helena de Virís, Santiago de Felmil e O Divino Salvador de Damil (1988). Foi tamén administrador parroquial de Santiago de Illán (1988).
· Arcipreste de Begonte-Parga (1991).
· Membro do Consello Presbiteral Diocesano (2017).

Xubilouse en decembro de 2024.

Don Jesús foi un bo sacerdote, moi identificado coa xente desta zona da diocese. Estivo moi unido ó seu irmán don José, sempre nun segundo plano. Ó falecer este continuou a súa labor de manter e promocionar o Belén de Begonte. Hoxe, despois dunha longa vida, o Señor acólleo no seu reino como servo fiel e servidor. Descanse en paz.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas