A corporación municipal do Concello de Ferrol acordou conceder a distinción de Ferrolán do Ano a Cruz Vermella Ferrol polo seu labor durante os últimos 125 anos en favor de persoas afectadas pola pobreza, o desemprego así como colectivos con dificultades, inmigrantes, drogodependentes ou reclusos. A axuda da entidade chega a través de programas de intervención social, cooperación internacional, formación, saúde, medio ambiente, voluntariado e emerxencias.
A HOAC de Mondoñedo-Ferrol, insignia de ouro de San Xiao
As insignias de ouro de San Xiao recaeron nas seguintes organizacións e persoeiros:
O Colexio Médico da provincia da Coruña recibirá esta distinción pola súa relevancia no ámbito e polo seu compromiso durante máis dun século con Ferrol. Da súa xunta directiva formaron parte persoeiros ilustres da cidade, que acolleu destacados eventos médicos como o Congreso de la Sociedad Española de Medicina Deportiva, o Foro Sanitario ou o acto de entrega da medalla de ouro e brillantes do Colexio á excelencia profesional.
Do mesmo xeito, o Colexio de Arquitectos de Galicia é merecedor desta insignia tras o 50 aniversario da súa creación. A conmemoración deste fito tivo lugar nas cidades máis importantes de Galicia, sendo Ferrol unha delas, na que se organizaron actividades dentro da Semana da Arquitectura, dedicada nesta edición ao arquitecto Alfredo Alcalá Navarro.
A HOAC é outra das entidades distinguidas. Esta organización celebrou o seu día na cidade na pasada primavera cunha dobre vertente: a reunión das catro dióceses galegas e achegar o seu labor social á poboación. O seu compromiso comunitario coas persoas máis desfavorecidas é un dos piares que sustentan a imposición desta insignia, a través de talleres de promoción de persoas de etnia xitana, ou do traballo que realiza desde hai máis de 30 anos en Caranza e en Canido con persoas migrantes, así como a estreita colaboración coa Diocese de Mondoñedo-Ferrol, coa súa presidenta, Teresa Vilariño, á cabeza.
O xornalista Germán Castro Tomé tamén obtén a insignia de ouro. Exerceu a profesión en diversos medios de comunicación e foi director fundacional do Diario de Ferrol. Foi tamén presidente fundador do Club de Prensa de Ferrol (1987-1999), no que impulsou e dirixiu a revista de pensamento e cultura Ferrol Análisis a Revista Oral, o certame anual e itinerante de fotoxornalismo galego Galicia en foco e puxo en marcha o Curso de Pensamiento Carlos Gurméndez. Así mesmo, é autor de publicacións con temáticas relacionadas coa cidade ou con persoeiros ilustres da mesma.
Os galardóns serán entregados o día 7 de xaneiro, con motivo da festividade de San Xiao, nun acto que se celebrará no teatro Jofre.
Actos diocesanos na festa de San Xiao
Nesa mesma xornada, o 7 de xaneiro, festa de San Xiao, patrono da cidade de Ferrol e desta parroquia ferrolá, celebrarase una eucaristía solemne na concatedral. Dará comezo ás 10:30 horas e estará presidida polo bispo da diocese, monseñor Fernando García Cadiñanos.
Tamén che pode interesar
Celebración del Día de la Hoac-Galicia en el barrio de Canido
Fonte: Concello de Ferrol/Diocese