Carta do delegado de Pastoral da Saúde sobre o informe do Comité de Bioética de España sobre o final da vida
O Comité de Bioética de España (CBE) vén de facer público un informe que aborda de maneira clara e impecable os aspectos relacionados coas cuestións bioéticas do debate acerca do final da vida, baixo o seguinte título: “Informe do CBE sobre o final da vida e a atención no proceso de morrer, no marco do debate sobre a regulación da Eutanasia: Propostas para a reflexión e as deliberación” .
Para contextualizar, diremos que o CBE é un órgano colexiado, independente e de carácter consultivo, sobre materias relacionadas coas implicacións éticas e sociais da Biomedicina e as Ciencias da Saúde. Está adscrito ao Ministerio de Sanidade. Os aspectos relativos á súa creación, composición e funcións ven recollidos no título VII da Lei 14/2007, de 3 de xullo; sobre Investigación Biomédica, que foi publicado no BOE número 159, de 4 de xullo de 2007.
Nesa lei especifícase que:
– O Comité estará constituido por un número máximo de doce membros, elixidos entre persoas acreditadamente cualificadas do mundo científico, xurídico e bioético.
– Os membros do Comité serán nomeados polo Ministro de Sanidade.
– É unha das súas funcións principais emitir informes, propostas e recomendacións para os poderes públicos de ámbito estatal e autonómico en asuntos con implicacións bioéticas relevantes.
Pois ben, obedecendo á súa lexítima e necesaria tarefa, os membros deste comité decidiron, no exercicio das súas competencias, aló polo mes de marzo, elaborar un documento que contribuíse ó debate cidadán con propostas para a reflexión e a deliberación no eido das decisións éticas ó final da vida; toda vez que no Congreso dos Deputados se estaba a tramitar unha proposición de lei sobre a eutanasia.
Trátase dun traballo exhaustivo, razoado e argumentado que tenta ser un instrumento para a serena reflexión e o debate necesario sobre un tema especialmente delicado.
Deste xeito, o día 30 de setembro, foi discutido e aprobado por unanimidade dos seus membros o documento final baixo o título que adiantamos enriba.
Merece, desde logo, unha lectura pausada, pero quixera destacar xa a conclusión de consenso nun tema tan complexo, á que chegan en armonía os expertos acreditados en cuestións bioéticas: “Existen sólidas razóns sanitarias, éticas, legais, económicas e sociais, para rexeitar a transformación da eutanasia e/ou o auxilio ó suicidio nun dereito subxectivo e nunha prestación pública”. Cito textualmente.
Coinciden pois os expertos (insisto) nesta afirmación que ven sendo defendida de sempre pola Igrexa, reforzada por argumentos antropolóxicos e teolóxicos que confirman a sacralidade e a inviolabilidade da vida. Así queda patente nos últimos documentos publicados pola Conferencia Episcopal Española e máis recentemente pola Sagrada Congregación para a Doctrina da Fe da Santa Sé.
Cando nos achegamos ó “terreo sagrado” da vida, don de Deus, só podemos asumir e propoñer o mandato evanxélico de coidala de maneira exquisita, a exemplo do bo samaritano, que se aproxima con paixón e delicada tenrura a tódolos que sofren nas beiras do camiño, esmerándose na incondicional entrega a aqueles que ven próximo o final da súa peregrinaxe neste mundo.
Que O Espírito Santo siga iluminando e alentando o noso camiño e misión.
José Luis Fernández Fernández
Delegado de Pastoral da Saúde de Mondoñedo-Ferrol
DOCUMENTOS
Sembradores de Esperanza. Acoller, protexer e acompañar na etapa final desta vida (Conferencia Episcopal Española)
Nota de la Comisión ejecutiva sobre la ley de eutanasia (Conferencia Episcopal Española)
Samaritanus bonus (Sagrada Congregación para a Doctrina da Fe)







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.



















