De quen foi e é competencia o papel hixiénico na sanidade pública?

Levo unha tempadiña tratando temas moi serios, ou polo menos así mo parece; pero en todo caso, funos tratando, desde o meu punto de vista, con moita seriedade, e unha pizquiña de humor non nos ven mal de vez en cando, especialmente en tempos en que os que poden collen vacacións. Irán, xa que logo, e de momento, catro entregas seguidas con algo deste produto tan necesario nunha sociedade tan tensionada.

Entre as célebres frases de Winston Churchill hai unha especialmente da que botei man moitas veces desde que aló polo ano 1985 tomei conciencia de que tiña que deixar de dicir: “Estou coxo”,  pra pasar a dicir sen voltas nin miramentos: “Son coxo”, motivado por un accidente de circulación acontecido o 28 de novembro do ano anterior. A frase en cuestión un chisquiño redondeada por min sen que Churchil dese mostras de opoñerse é: “A imaxinación consola ós homes (e mulleres) do que quixeran ser (e non somos). O humor consólaos do que son (e non quixeran ser)”. Meu só è o que vai entre parénteses. Nada, coma quen di. 

A esa sabia reflexión de Churclill aparellareille hoxe algo que tamén lin unha vez, pero non sei quen o escribiu. Podía poñer que o escribira un tal míster Morrison pra quedar como erudito, que non son; pero ímolo deixar así para quedar por humilde, que tampouco son. Lin que a represión produce mellor literatura que a ceiba liberdade de expresión, porque a censura de tempos de represión obriga a buscar máis metáforas e a utilizar máis a linguaxe figurada pra sortear a implacable lupa dos censores. Isto non é nada novo, pois xa quedou plasmado naquela frase lapidaria do latín macarrónico: “Intelectus apretatus discurrit qui rabeat”. Propúxenme autocensurarme á hora de escribir este ensaio histórico, psicosocial e traumático. Traumático si, aínda que só  fose porque aconteceu nunha planta de traumatoloxía do hospital Xeral-Calde de Lugo, e tamén por estar baseado nunha experiencia que me mantivo en estado de profunda represión durante unhas seis horas ou máis: pero tampouco así din conseguido que resultase un relato de altura literaria. Será que unha vez máis pode aplicarse aqueloutro adaxio semilatino: “Quod natura non dat, Salmántica tiruliru”.

Comezo cunha aclaración que creo ben bastante ó caso. O relato escribino polo mes de San Xoán do 1985, recollendo vivencias de remates do mes de xaneiro dese mesmo ano; pero agora que me poño a repasalo e revivilo non me resisto a incorporarlle novas vivencias, experiencias ou conxecturas máis actuais.

Ben, pois entramos en materia. Despois de tres meses ingresado no citado Hospital da sanidade pública, dos que pasei dous e medio ben atado pola perna esquerda sen poder moverme da cama pra cousa ningunha, saín coa convicción de que o medio máis eficaz naquela época, pra obter o tan necesario e vulgar papel hixiénico era pedíndoo a través de Pastoral Sanitaria.

Explicareime remitíndome ó meu caso concreto, que pode non coincidir con outros casos, pero pra min ten gran valor probatorio desta a miña hipótese, ou quizais tese.

Resulta que, certo día, aló polas sete da mañá, cando me viñeron tomar a temperatura díxenlle á ATS, (Asistente Técnica Sanitaria), que me facía falta papel hixiénico e a planchuela, tamén denominada cuña. Ela respondeume: – Iso é cousa das chicas da limpeza. Pídallelo a elas. Normal, infeliz de min. De quen podería ser cousa o papel hixiénico máis que das chicas da limpeza? Ou pra que outra cousa pode ser esa clase de papel, se non é prá limpeza?

Díxomo con tal convición e rotundidade que non pronuncie outra palabra ó respecto; pero, como aló nas miñas interioridades sentía que algo puxaba de xeito compulsivo por liberarse cara a fóra polo conduto normal que a natureza considerou adecuado desde tempo inmemorial, non podía atopar  acougo por máis que a resposta me resultase convincente.

Por iso, volvín a pedirllo á RICE (Responsable de Inxección Contra Embolias), aínda que non era chica da limpeza, pero podía darse o caso de que coas presas esquecese que non o era. Veu, como todas as mañás, á hora máis inoportuna, cando podía comezar a quedarme semisupito, rendido polo insomnio. Perdón. Semisupito quere dicir: medio durmido; pero non me resulta fácil ó revivir aquela etapa liberarme da linguaxe desbordante de tecnicismos que os facultativos utilizan con suma destreza pra desinformar ós non iniciados ou para que as cousas parezan o que non son. Por exemplo: a min nunca me dixeron nin escribiron que coxeo. Non, cerifican que “claudico”, que parece máis elegante, non si?

Estaba dicindo que a esa hora intempestiva veu a RICE meterme unha especie de pequeno puiazo na barriga. Cada mañá con infinita resignación por imperativo legal, ofrecía o puiazo de rigor como sufraxio por algunha bendita alma do purgatorio. Estes puiazos por separado eran moi levadeiros pero entre a mala hora a que os administraban e o rigor de todos os días lograron converterme en convencido obxector das corridas de touros, polo suplicio que deben supoñer prós pobres animaliños os puiazos de ritual.

A RICE que me tocou aquel día era suave nas formas, pero non exenta de firmeza no pulso e o consabido puiazo produciu unha brusca contractura do músculo oblicuo interno do abdome que á súa vez exerceu unha hiperpresurización repentina sobre toda a masa intestinal que agravou aínda máis a miña situación de indefensión.

Esta boa muller ao pedirlle con suma delicadeza o devandito papel, respondeu tamén moi amablemente: – Espere un momentiño a que acabe coas inxeccións, porque teño unha fila de xiringas preparadas, e despois xa llo traio.

Intención de facelo, seguro que non lle faltaba; pero nisto caeron as oito, que é a hora sagrada do cambio de quendas, ou turnos, e xa fóra de hora, non debía aprovisionarme ela do papel hixiénico, porque posiblemente non a amparaba o seguro e ademais comprendo que non quixese pillarse os dedos, xa que, se por aí se producía unha infección da zona perianal, ou un rexeitamento debido á marca do papel, e eu ou algún facultativo denunciabamos o caso, a pobre quedaría sen cobertura por estar fóra de servizo e a Administración non se faría tampouco, responsable subsidiaria.

Hai quen pensa que todo é liso e chan, pero todo vai ben mentres non empeza a ir mal, ou se meten os sindicatos polo medio e, como sobra quen estea esperando por unha vacante, pois por iso, tamén nese momento quedeime sen papel hixiénico e non me estraña.

Ben, pois, se non hai novidade seguiremos dentro de oito días, pero aínda que quede o asunto en suspense, que ninguén sufra, que xa está resolto, afortunadamente.

 

«Hai quen pensa que todo é liso e chan, pero todo vai ben mentres non empeza a ir mal, ou se meten os sindicatos polo medio e, como sobra quen estea esperando por unha vacante, pois por iso, tamén nese momento quedeime sen papel hixiénico e non me estraña»

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas