Dous libros para vivir a vida

Aproveito hoxe este espazo para presentar dous libros de recente aparición. Un, titulado “Na soleira do Deus da vida”, e outro, “O libro da vida”. Do primeiro son eu autor; do segundo sómolo Xosé Antón Miguélez Díaz, cura desta nosa diocese, e máis eu tamén.

“Na soleira do Deus da vida”, 280 páxs., recollo unha serie de materiais –pregarias, poemas, meditacións breves, reflexións— que fun compoñendo para o uso persoal ou para o servizo de encontros diversos, celebracións litúrxicas e non litúrxicas, acompañamento nunha Escola de Espiritualidade  á que pertenzo. Van distribuídos en cinco apartados: 1.-Invitación. 2.- Do berce ata a gloria. 3.- Da man de Santa María. 4.- Na rolda da vida. 5.- Autorretrato. Péchase o material cun “Decálogo dun laicado fraterno”, que recollo da revista Encrucillada na que o publicara xa no 2013.

Titulei así o libro, “Na soleira do Deus da vida”, porque foi a vida a que me foi levando a ir descubrindo, na fe, o Deus que a sostén e que a dignifica, o que a aleda e enche de esperanza. Un Deus que se me ten feito manifesto de mil maneiras, pero do que me sinto soamente na soleira, á porta, crendo, intuíndo, ansiando abrir e entrar, na medida do posible, pero sabendo que iso non vai poder ser polo de agora. Ansia que me mantén vivo na miña fraxilidade manifesta. Encontro que se multiplica en calquera circunstancia da vida, por humilde que sexa, cando teño o empeño, a sorte ou a graza de poder vivila con humildade buscadora, asombro e agradecemento. Cada un, cada unha, por condición humana e por benevolencia divina somos un mundo de bendición. E con este mundo de bendición individual todos, todas podemos enriquecer a familia, a comunidade, o pobo do que formamos parte. Oxalá neste caso tamén se cumpra isto!

O segundo libro, do que somos autores Xosé Antón Miguélez Díaz e máis eu e que leva por títulos “O libro da vida”, ofrece materiais diversos para axudarnos a celebrar a vida, cando a vida se acaba neste mundo, e cando se nos abren as portas dunha nova existencia no seo de Deus. Cústanos reconciliarnos coa morte, a quen seguimos vendo coma unha inimiga e non coma “a man donda, que apaga unha lus e acende outra lus”, como gustaba dicir o poeta chairego Díaz Castro. Non se nos capacita para afrontar o decaemento da vida e a morte subseguinte como parte da nosa condición humana, como paso nutrido pola esperanza.

Este libriño, 200 páxs, como dicimos, ofrécenos materiais para celebrar a morte –velorios, encontros familiares, oración persoal, momentos litúrxicos— sentíndonos ben e moi cordialmente acompañados/as polo Deus da vida que durante toda a vida quere ser para nós “o gran compañeiro, o camarada no sufrimento, o que nos entende”, desde unha proximidade permanente, aínda que vivida na sombra da criatura, do creado.

Na cultura galega, na relixiosidade galega, na práctica eclesial galega a celebración da morte ocupa moito espazo. Pero vivimos coa impresión de que entramos en rutina incluso en algo tan singular e transcendental como é a propia morte, a morte das persoas que nos rodean e que queremos. A morte merece ser celebrada con vida e intensidade, con paz e esperanza. Pois axudar a isto é o que pretendemos con este libro. Divídese en seis apartados: 1.- Santo Rosario (formas variadas de rezar esta oración tradicional)., 2.- Textos evanxélicos que poden axudarnos a orar ben ante a vida e ante a morte. 3.- Salmos cos que a piedade bíblica pode arrequecer a nosa oración. 4.- Pregarias comunitarias diversas coas que conmemorar a existencia acabada e abrir a vida á nova existencia en Deus. 5.- Poemas variados que nos facilitan descubrirnos no misterio da morte. 6.- Bendicións finais coa que pechar tempos de oración. 7.- Monicións de entrada e preces para a celebración eucarística.

Os libros foron editados por SEPT (Sociedade de Estudos, Publicacións e Traballos), formada por un laicado crente galego que traballa coa ilusión de facilitar que a nosa expresión relixiosa tamén se poida facer dignamente en galego. Entre moitas obras editadas con este fin, salienta a edición da Biblia en galego. É unha sociedade sen ánimo de lucro, e os autores dos libros que editan participamos desta mesma condición. Non recibimos emolumento ningún nin pola preparación do texto nin pola venda dos libros, máis que os 25 exemplares ofrecidos sempre gratuitamente ao autor.

Os libros estarán a venda en todas as librarías relixiosas. Nas reunións de arciprestado da nosa diocese ofreceranse estes libros a un prezo algo reducido por acordo da propia editorial.

«Foi a vida a que me foi levando a ir descubrindo, na fe, o Deus que a sostén e que a dignifica, o que a aleda e enche de esperanza»

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas