E poderase dicir sen molestar que estamos na Coresma?

O sábado 27 de maio iníciase o Ramadán, ata o 25 de xuño, e a Pascua xudía do 10 ao 18 de abril.

Aínda que non son imán musulmán nin rabino xudeu, adiántoo, non vaia a ser que a xeneralidade dos medios públicos de información se esquezan de dicilo, como se esqueceron moitos de recordar que o 1 de marzo empezou a cresma con ese trasnoitado rito da cinza pra recordar a catro vellos que non se poñan moi chulitos e que respecten, coiden e non aldraxen a terra porque, á fin e ao cabo, dela saímos e a ela volveremos. Nunha cultura na que se pretende impoñer o credo de que deus son uns poucos homes privilexiados, non todos, por suposto, ¿que sentido poden ter estas antigallas? ¿Ou aínda será posible atoparlles sentido guiados polo papa Francisco que non fala dunha coresma disecada ou fosilizada, senón viva e actual?

En Castro de Rei de Terra Chá de Lugo, aínda que non nolo recorden os medios, non o esquecemos: porque temos un monumental Viacrucis, -no que eu coñezo o máis monumental de Galicia-, e todos os primeiros domingos de Coresma e o Venres Santo temos celebración comunitaria, independentemente dos e das que o andan, soben, particularmente ao longo do ano pra, acabar ante unha maxestosa estatua coroada por unha imaxe en granito do Sagrado Corazón de 2´80 ms. de alto. A imaxe, que a estatua mide 15 e está situada nunha paraxe cunha vista panorámica sublime.

Este ano tampouco o esquecemos, pero, como chuviñaba, tivemos o Viacrucis dentro, na Iirexa parroquial. Participaron unhas 30 persoas na lectura das estacións, porque en cada unha interveñen tres. A parte musical corría principalmente a cargo dunha moza de setenta e pico anos, Angelines Fernández Darriba, que aos trece foi vocalista nunha orquestra formada por labregos semipropietarios e xornaleiros das parroquias próximas, de Bazar, Santa Locaia e Outeiro. Viñeron case a propósito desde Madrid ela e o seu esposo Fernando, un mozo de aproximadamente a mesma idade que conduce de marabilla. No canto víase reforzada polo meu cura, Javier Rodríguez Couce. Si, el é o meu e o noso cura, o meu irmán, o meu amigo, aínda que por agora nos papeis figuro eu como párroco contra a miña vontade.

Ademais do canto, Javier e eu controlabámolo todo, pero contabamos co apoio da Asociación de Veciños e das dúas guías da celebración, Samarita e Raquel, dúas profesoras e colaboradoras de vello, que xa fai anos, noutro Viacrucis, axudásenlle a levantarse a frei José, sendo bispo de Lugo que pisou o alba e caeu, regalándonos así de xeito moi plástico a lección de que cae calquera ata os bispos. O importante é ter desexos e quen axude a levantarse. ¡Que curioso! Vímolo caer varios curas pero quen chegaron primeiro a axudarlle foron estas dúas mulleres.

Asistiron unhas 150 persoas, obrigadas, xa se sabe, pola Igrexa e as súas correas de transmisión, os curas, pertencentes a varias parroquias rurais da comarca. Unha nimiedade. Unha insignificancia en comparación cos miles de afiliados e simpatizantes que se concentran libre e voluntariamente e sen disciplina de voto, nin medo a caer da foto, pra escoitar ao líder que corresponda e que sempre di algo distinto pra acabar non facendo case nunca nada do dito. No noso caso, algunhas outras persoas asistirían de boa gana, pero non lles foi posible e quedaron algunhas outras desas que nunca sacan a entrada pra presenciar a corrida de touros ata saber cantos rabos e orellas lle concederon ao toureiro. Digo isto, porque hai quen están doídos por non haber ido escoitar a Irina interpretar o “Panis angélicus” e o “Ave María” de Schubert, acompañada de órgano e do seu esposo Federico.

Irina veuse de Siberia a recaer en Lugo, é mestra de canto e soprano, cunha voz única e excepcional e con ela veu o agasallo de poder emocionarnos os seus amigos e quen a escoite ao noso nivel sen ter que pagar por oíla distante no plano moi superior do escenario dun gran teatro, como tamén se merece.

¡Ah! ¡Case se me esquece! Tamén estivo o novo bispo da diocese de Mondoñedo Ferrol, don Luís Ángel de las Heras. Case se me esquece, porque ata a misa estivo por alí como un fiel cristián máis, axudando a preparar as cousas, a instalar o proxector e conectalo ao PC pra ir presentando unha imaxe de cada estación ao non poder facelo fóra. Durante o Viacrucis estivo de clergiman e ata non se lle vía moito o pectoral nin relucía o anel. É que, polo que me dixo, entende moi ben que no camiño da cruz non hai dignidades, xa que a máxima dignidade, a divindade, deixouse arrastrar polo chan.

Tamén comprenderon moi ben que o protagonismo nesta práctica piadosa debe ser dos laicos, tanto el como os dous amigos e compañeiros claretianos que o acompañaron por coincidirlles estar por aquí, Jesús Antonio Caetano e Anxo da Parte. Estes xuntamente con don Luís leron, rezaron, a 15 estación, a da Resurrección, porque sen ela que pintabamos alí os que estabamos? Pra esta estación o bispo revestiuse, porque terminou cunha consagración ao Sagrado Corazón feita pra o momento e a continuación xa se enlazou coa eucaristía. Os non galegos tomáronse a molestia de practicar pra ler ben o galego e sobre todo pra entender o que lían e poder facelo con sentimento.

Permítanme unha palabra con relación a min mesmo pra poder entenderme un pouco mellor quen non me coñeza. A operación de larinxe grazas á que podo dicir que tiven cancro, e sobre todo o EPOC obríganme a estar enchufado á maquina ou mochila de osíxeno as 24 horas e ao moverme, por pouco que sexa o esforzo fatígome moito. Estou por aquí abaixo con prórroga indefinida, pero o noso anterior bispo o tamén querido don Manuel Sánchez Monge, díxome: “Dosifícate, cambia la voz por el ordenador y con calma, juega la prórroga coma si estiveses a tiempo completo”. Sendo obediente cos que saben mandar, estiven sentado, sabendo que miña irmá estaba pendente de min, e encargueime do ordenador e algunha intervención, falando, agora pouco e por un tubo. Emocioneime en máis dunha ocasión e non puiden conter algunha bágoa.

Hai quen di que os bispos non se decatan de nada, pero este entrouse das miñas emocións e de como ás veces tapaba a cara. E ó empezar a homilía, tivo que facer el varias veces o dobre embrague, porque patinaba. Empezou dicindo que preparara o que tiña que dicir, pero despois do que estaba vivindo non lle servía, porque viña disposto a acompañar e estaba sendo acompañado. Non soa isto a papa Francisco, sen que sexa plaxio, senón coincidencia de actitudes? Eu tiña ao bispo en fronte e a case toda a demais xente ás miñas costas, pero sen vela sentíaa. Como non os vía, non podería decatarme se non mo dixesen, de que cando Irina cantou o Ave María humedecéronse moitos ollos ata de curtidos homes do campo daquel ¿insignificante? grupiño de 150.

Cando volvín prá casa axudado pola miña irmá, estaba canso pero contento e, como cando se está moi cansado non é cando mellor se dorme, logo de subir á habitación dei un repasiño polas cadeas de televisión e nun momento atopeime na 2 coa película “Evelyn” na que a súa directora, Isabel de Ocampo, trata con gran rigor e sen panos quentes o tema da trata de mulleres en España por mafias que as traen enganadas e élles imposible saír das súas redes ata que con vinte e poucos anos xa non son rendibles en club de estrada ou dos outros.

E pensei: ¡Dios mío, que equivocado estaba! E eu que cría que o Viacrucis que fixemos en Santa Locaia era moi actual, porque se falaba na 6ª estación de que sempre quedan impresos no alma das boas persoas, coma no pano da Verónica, os rostros desfigurados dos que sofren todo tipo de agresións e violencias, incluso as de xénero.

Cantos miles de “nazarenas, de cristas” haberá crucificadas pola forza detrás de rutilantes luces de neón que anuncian saldos de amor a prezos moi competitivos, mentres outros non lavamos as mans? Cantas desgraciadas mulleres teñen que caer cada día debaixo de pesados madeiros que cheiran a suor, a alcohol, ou a refinadas e caras colonias de varón dandy que pode comprar canto queira, porque pra el todo ten un prezo, pero sóbralle das trinta moedas, porque entra no paquete de estímulos da empresa por produtividade? Só unha última pregunta antes de que alguén se escandalice polas miñas irreverencias, cantas destas “nazarenas” cando se miran ó espello non se recoñecen, como tampouco era recoñecible o rostro do varón de dores, do Nazareno, porque lles roubaron ata a identidade reténdolles a documentación e rompéndoas por fóra e por dentro? E, con todo, mentres elas morren un pouco máis cada día, están redimindo ás súas familias en Perú, Romanía ou Albania de outras miserias? Non sei se será politicamente correcto falar aínda de pecado, pero tal e como o vou entendendo,  moito debe pesar o pecado colectivo, o pecado dunha sociedade que se di que progresa deixando detrás latexantes cadáveres de vivos. Agora entendo algo mellor o de “As prostitutas  precédenvos no reino dos ceos” (Mt 21, 31).

 

«Hai quen di que os bispos non se decatan de nada, pero este entrouse das miñas emocións e de como ás veces tapaba a cara»

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas