Festa de Santo Tomás no Seminario Interdiocesano: fe, escoita e diálogo teolóxico

  • O arcebispo de Santiago convidou á escóita activa, destacando que a Igrexa está «en permanente apertura ao misterio e ao encontro humano»
  • O teólogo Andrés Torres Queiruga analizou a Xesús como «pioneiro e culminación da fe»

O arcebispo de Santiago, monseñor Francisco José Prieto, presidiu na tarde de onte, mércores 28, a celebración eucarística con motivo da festividade de Santo Tomás de Aquino, que tivo lugar na capela do Seminario Maior Interdiocesano. O prelado compostelán estivo acompañado polo bispo de Mondoñedo-Ferrol, monseñor Fernando García Cadiñanos, así como por formadores do Seminario, directores do Instituto Teolóxico Compostelán e do Instituto de Ciencias Relixiosas, profesores, alumnos e seminaristas.

Na súa homilía, monseñor Prieto convidou a recuperar unha actitude esencial: a escoita. Nun mundo onde a palabra está “tan devaluada e maltratada”, exhortou a acollela como espazo de encontro, unidade e comuñón. “A palabra unifícanos, pero non nos uniformiza”, afirmou, precisando que non elimina as diferenzas, senón que as orienta e reconcilia en Cristo.

Desde as lecturas bíblicas e a figura de santo Tomás de Aquino, o arcebispo resaltou que é Deus quen sae ao encontro do home como Pai. Lembrou que o Señor non se revela desde unha omnipotencia afastada, senón desde a proximidade. O prelado vinculou esta experiencia de filiación coa tarefa intelectual e teolóxica, subliñando a necesidade dunha razón humilde, aberta ao misterio e disposta a deixarse iluminar pola Palabra. Neste sentido, evocou a intuición tomista dunha comprensión non só intelectual, senón tamén moral e espiritual.


Acto académico con Andrés Torres Queiruga

O acto académico, celebrado no salón nobre do Instituto Teolóxico Compostelán, foi conducido polo seu director, Alfonso Novo Cid-Fuentes, quen presentou ao relator, Andrés Torres Queiruga. O teólogo ofreceu unha disertación titulada “Jesús de Nazaret como pioneiro e culminación da fe”, na que profundou na figura de Cristo como centro e plenitude do camiño crente.


Peche con chamada á humildade teolóxica

Monseñor Prieto pechou o acto lembrando unhas palabras recentes do papa León XIV, nas que afirmaba que ninguén posúe a verdade en plenitude e que todos estamos chamados a buscala xuntos e con humildade. Desde aí, defendeu unha Igrexa que non se encerra en si mesma, senón que vive en actitude permanente de escoita, tanto de Dios como dos homes, unha actitude especialmente necesaria no ámbito teolóxico, onde o coñecemento é limitado e os misterios da fe ilumínanse mutuamente desde o corazón do Evanxeo.

O encontro serviu para prolongar a reflexión iniciada na liturxia, unindo celebración e pensamento, fe e estudo, no espírito propio da festividade de Santo Tomás de Aquino, patrón dos estudos teolóxicos.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas