Intervención semanal del administrador diocesano en la Cadena COPE
· V DOMINGO DE PASCUA: Ser cristián equivale a estar chamados a dar froitos de santidade. E para dar eses froitos temos que estar como os bacelos unidos á vide. Cristo é a vide verdadeira. E estaremos unidos a el gardando os seus mandamentos, que é crer pola fe no seu nome, e amándonos uns a outros tal como nolo mandou. Pola graza que se nos dá nos sacramentos, especialmente na eucaristía, Cristo permanece en nós e nós nel. Polo sacrificio eucarístico, Deus fainos partícipes da súa divindade. Sen el non podemos facer nada. Son as súas palabras as que deben guiar sempre as nosas vidas.
· Celebramos onte un día importante todos os anos, pero que nesta situación de pandemia se fai aínda máis necesario: o 1 de maio, festividade de san Xosé Obreiro, xornada de reivindicación para as persoas que traballan e tamén para aquelas que, por diversas circunstancias, non poden gozar dun emprego digno e dun salario xusto. A plataforma Igrexa polo Traballo Decente (ITD), conformada por diversas entidades sociocaritativas católicas, fai un chamamento especial nestas circunstancias, co obxectivo de que todos os sectores -políticos, empresarios, sindicatos, etc- poñan o seu gran de area para loitar polos dereitos dos traballadores.
· Xa que falamos de traballo digno, temos que nomear a unha entidade como Cáritas, que a través dos seus programas de emprego axuda á integración laboral de moitas persoas en situación de exclusión social. Estes días facían balance do que se fixo no último ano, e calcularon un total de máis de 60.000 persoas en todo o territorio estatal que puideron mellorar o seu perfil laboral grazas a estes programas.
· De cuestións socioeconómicas pasamos a temas sociosanitarios, e centrámonos nos nosos hospitais. E falamos, en concreto, dunha figura da que non falamos moi a miúdo, pero que se merecen unha mención especial por todo o traballo que realizan, especialmente nestes tempos: os nosos capeláns.
· Imos centrarnos a continuación nalgunhas citas importantes que terán lugar neste mes de maio, mes de María. O día 15 celébrase o san Cidre ou san Isidro, o patrón dos agricultores, e por iso a delegación de Pastoral Rural pon o foco este mes en varias cuestións que se poden traballan nas nosas aldeas e parroquias rurais de cara a unha mellor evanxelización en tempos de pandemia.
· Xa para finalizar, temos que falar doutra iniciativa que se rematará de artellar ao longo deste mes e tamén dos seguintes: o Campamento Diocesano. Nestes últimos días houbo reunións dos encargados da súa preparación, nas que se acordou traballar de cara ao verán para poder facer de novo un campamento presencial, aínda que sexa a menor escala e cos condicionantes necesarios por mor do coronavirus. Aínda queda moito por programar e deseñar, pero xa avanzamos que, de poder celebrarse, será na semana que vai do 19 ao 25 de xullo, cun máximo de 50 nenos, e case con toda seguridade nas instalacións do colexio Martínez Otero de Foz.