‘Habla la Diócesis’ (11.07.2021): Novo bispo + Peregrinación Madre Ven + Xentes do mar

Intervención semanal do administrador diocesano a través dos micrófonos da Cadena COPE

· XV DOMINGO DO TEMPO ORDINARIO: Deus elixiunos en Cristo antes da fundación do mundo para que fósemos santos e intachables ante el polo amor, e destinounos por medio de Xesucristo a ser os seus fillos. Esta proximidade de nós co Señor manterémola pola oración, os sacramentos e a caridade co próximo. Xesús escolleu aos apóstolos para que estivesen sempre con el e envialos a predicar. É o que nos presenta o Evanxeo de hoxe, cando os foi enviando de dous en dous, desde a pobreza de levar o imprescindible, para non distraerse da súa misión de predicar a conversión, botando demos e curando enfermos ao unxilos con aceite. Aquí atopamos a orixe do sacramento da unción dos enfermos.

· No programa da semana pasada tivemos un tema principal, como foi o nomeamento do novo bispo de Mondoñedo-Ferrol, o sacerdote burgalés Fernando García Cadiñanos. Despois desa noticia, nas vindeiras semanas toca traballar no futuro máis inmediato, como son as cerimonias de ordenación e toma de posesión, e a súa posterior incorporación á nosa diocese.

· Un futuro bispo, por certo, que xa se puxo en contacto nestes días con diversas persoas e agrupacións que traballan na nosa diocese, entre elas, por suposto, Cáritas, entidade á que xa acompaña actualmente na arquidiocese de Burgos. Aquí, en Mondoñedo-Ferrol, tivemos a última xuntanza do curso do consello diocesano de Cáritas, no que se fixo un repaso do que se fixo nos últimos meses.

· Falando de balances, temos que destacar tamén a finalización das obras de mellora da igrexa de Nosa Señora dos Desamparados, en Piñeiros, Narón, sen dúbida unha boa nova para os moitos fregueses desta parroquia.

· Falamos tamén de asuntos de actualidade nestes días, en primeiro lugar da peregrinación dunha imaxe da Inmaculada Concepción da Virxe María que está a percorrer a nosa diocese. Iniciou o seu camiño en Ribadeo este pasado xoves, pasou por Trabada o venres e onte sábado chegou a Mondoñedo. No día de hoxe peregrinará ata Abadín e nos días seguintes fará o propio por Vilalba, As Pontes, A Capela e Ferrol, a onde chegará o xoves día 15.

· Se falamos de advocacións marianas, na nosa diocese temos que citar por suposto á Virxe dos Remedios, a nosa patroa, e neste mes de xullo á Virxe do Carme, patroa das xentes do mar, que o venres 16 celebra o seu día.

· Xa que falamos de celebracións importantes, en dúas semanas, o 25 de xullo, celebramos a festividade de Santiago Apóstolo, patrón de España e Galicia, e xa se vai notando o incremento de peregrinos nas rutas xacobeas oficiais que pasan pola nosa diocese: o Camiño Inglés e o Camiño Norte.

· Temos que lembrar tamén que o vindeiro venres finaliza o prazo para inscribirse no Campamento Diocesano de Mondoñedo-Ferrol, que se celebrará nas instalacións do Seminario de Mondoñedo entre os días 11 e 15 de agosto.

 

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas