‘Habla la Diócesis’: Pascua + Reforzo escolar Cáritas + Manos Unidas no Chad

Intervención semanal del administrador diocesano a través de la Cadena COPE

· II DOMINGO DE PASCUA OU DA “DIVINA MISERICORDIA”: O domingo é o día do Señor no que, desde o principio, a comunidade cristiá reúnese para atoparse con Cristo resucitado, presente, orando xuntos, na súa Palabra e no pan e o viño consagrados. Somos así ditosos porque cremos en Cristo sen velo. Del saíu a iniciativa, cando á noitiña do primeiro día da semana apareceuse aos seus discípulos e, logo, outra vez aos oito días. Pola comuñón, o Espírito Santo fainos crecer na unidade con Cristo e a Igrexa. A primeira lectura amósanos como naquela comunidade primitiva vivíase esa unidade: todos pensaban e sentían o mesmo e compartían os seus bens.

· Seguimos neste tempo de Pascua, despois de vivir unha Semana Santa diferente e dentro desta primavera que nos fai ver o futuro cun chisco máis de esperanza. O propio papa Francisco lembraba estes días que “a Pascua é a festa máis importante para a nosa fe, xa que é a festa da nosa salvación, a festa do amor de Deus por nosoutros”.

· Con todo, temos que seguir lembrando tamén que estamos nunha situación de pandemia sanitaria, con todo o que iso conleva. No seo da Igrexa, houbo estes días certa polémica por cousas que non se fixeron ben, en concreto por unha celebración da Pascua en París, Francia, na que non se gardaron as medidas de prevención necesarias, e tamén algúns medios recolleron a noticia dun sacerdote español en Perú que animaba aos fieis a non cumprir as leis para facer fronte ao coronavirus. Máis alá destas actitudes, certamente diferentes aos protocolos e medidas que estipulan as autoridades sanitarias, na nosa diocese cabe destacar e lembrar que as igrexas e outros espazos de culto e reunión son lugares seguros.

· Imos agora cunha iniciativa interesante, organizada pola vicaría de Evanxelización, e que terá lugar esta vindeira fin de semana. Trátase dun encontro cos nosos seminaristas maiores e tamén co futuro sacerdote diocesano Jaime Iglesias para que toda a xente que queira participar poida coñecer mellor as súas inquedanzas e os seus proxectos e ideas de cara ao futuro.

· Dende os equipos de Voluntariado e Familia de Cáritas Diocesana poñen en marcha estes días unha iniciativa para captar persoas que axuden o reforzo escolar de rapaces de Primaria e Secundaria na zona do Ensanche, en Ferrol. Trátase dun proxecto que xa está a funcionar e a dar froitos noutros barrios da cidade e tamén noutros puntos da diocese.

· Outra iniciativa que pensa nos demáis, neste caso na xente que o está a pasar mal noutras zonas do mundo, é a “Peseta Solidaria” de Mans Unidas. En Ferrol xa leva funcionando hai uns meses, pero agora o proxecto esténdese tamén a outros lugares da diocese, nomeadamente á UPA de Vilalba, onde na igrexa de Santa María, na Capela da Guadalupe e nalgúns establecementos colaboradores, todas as persoas que teñan aínda pesetas gardadas nas súas casas poden doalas á entidade. O obxectivo é lograr, entre todas as delegacións de Mans Unidas da diocese e tamén a traves doutras iniciativas e doazóns, recadar 10.000 euros para un proxecto de escolarización no Chad, en África.

· Como cada ano, non nos esquecemos da importancia que ten marcar a X a favor da Igrexa e tamén marcar a X a favor de fins sociais, xa que ambas son totalmente compatibles e axudan a financiar proxectos e iniciativas como as que repasamos nestes últimos minutos.

· Por último, temos que lembrarnos dunha relixiosa diocesana que nos deixou hai uns días, a irmá Carmen Gil Montalbo, da Compañía de María. Foi misioneira en Xapón durante medio século, profesora de Filosofía na Universidade de Sofia e tamén era irmá do sacerdote diocesano Alfonso Gil Montalbo.

 

«Podemos atoparnos co resucitado a través da súa Palabra; a través da oración; na eucaristía; a través das persoas, especialmente naquelas máis desfavorecidas»

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas