Intervención semanal del administrador diocesano a través de los micrófonos de la Cadena COPE
· II DOMINGO DA CORESMA: Neste domingo anticípasenos o misterio de Cristo resucitado e glorificado á dereita do Pai. Así ocorreu no misterio da transfiguración que nos presenta o Evanxeo: “Pola cruz, á luz”. Deus entregou ao seu Fillo á morte por nós, pero a paixón é o camiño da resurrección. Así habemos de vivir o misterio da cruz sempre, e de modo especial nestes días de Coresma, cheos de esperanza en que un día tamén resucitaremos. Ao participar na eucaristía do corpo glorioso de Cristo, facémonos partícipes xa dos bens eternos do ceo.
· Ademais de celebrar hoxe o segundo domingo de Coresma, na xornada de mañá temos unha onomástica importante para a nosa diocese, como é o día de san Rosendo.
· Xa que falamos de actos litúrxicos, non está de máis lembrar as novas medidas, máis amables, que puxo en marcha este venres a Xunta de Galicia. No caso de Mondoñedo-Ferrol temos toda a area sanitaria ferrolá perimetrada e algúns concellos da provincia de Lugo, como A Pontenova ou Guitiriz, con máis ou menos restriccións.
· Nesta situación de pandemia, nunca está de máis lembrarse das persoas que peor o están a pasar. Xa falamos en moitas ocasións dos traballadores que están nos ERTEs ou dos empregados das fábricas de Endesa nas Pontes, Siemens-Gamesa nas Somozas ou Alcoa na Mariña, entre outras, que non teñen claro o seu futuro. Tamén temos que lembrarnos, por suposto, das persoas sen fogar, das familias que non teñen recursos dabondo para a subsistencia e daqueles homes e mulleres que noutros lugares do mundo tamén están a sufrir. Por iso sempre é encomiable falar do traballo de entidades solidarias como Cáritas, Manos Unidas ou as propias parroquias, que sempre están a carón de quen o precisa.
· En moitas destas tarefas é vital a participación dos laicos, que cada vez teñen unha presenza maior no seo da Igrexa. Sen ir máis lonxe, un grupo laico moi importante como Acción Católica General presentaba onte virtualmente o seu novo proxecto pastoral por vía Zoom. Tamén por esta mesma vía, o pasado sábado mantiñamos un encontro moi interesante co sacerdote e investigador Segundo Pérez López, que nos incitaba a valorar o papel importantísimo dos laicos como testemuñas vivas da fe, aquí ben preto de nós.
· Falamos por último dunha efeméride, os 25 anos de Julián Barrio como arcebispo de Santiago de Compostela. Nestes momentos de pandemia vimos a importancia de que as dioceses de Galicia estean unidas e se poñan de acordo para dispoñer medidas conxuntas (recomendacións para o culto, tratamento das exequias…).