Homenaxe ao sacerdote Javier Méndez, alma musical da liturxia galega

  • A familia do sacerdote e músico cede o seu arquivo ao Consello da Cultura Galega, que recolle décadas de creacións litúrxicas e obras en galego
  • O acto de cesión destes fondos terá lugar o mércores 18 de marzo no Casino Ferrolano

O Casino Ferrolano acollerá este mércores, 18 de marzo, o acto de presentación e sinatura do acordo de cesión dos fondos musicais de Javier Méndez Pérez-Fanego ao Consello da Cultura Galega. No acto está prevista a actuación musical da Coral Polifónica Ferrolana «A Magdalena».

Nado en Neda (A Coruña), Javier Méndez Pérez-Fanego (1938‑1984) formouse no Seminario de Mondoñedo e na Universidade de Comillas. Ordenado sacerdote en 1963, desenvolveu unha intensa actividade pastoral e musical, primeiro nas parroquias de Cabanas (Viveiro) e Ferrol, e máis tarde na catedral de Santiago, onde foi mestre de capela.

A súa obra constitúe un referente da renovación litúrxica galega dos anos setenta. Composicións como os Salmos pra nosa terra (1971), a Misa do Pobo de Deus ou o himno Xurdirá —creado para o Concilio Pastoral de Galicia— marcaron unha época nova na integración da lingua e da cultura galegas na música relixiosa. Durante a súa etapa en Madrid colaborou co Secretariado Nacional de Liturxia, publicando novas partituras que enriqueceron o repertorio litúrxico estatal. Ao regresar a Galicia, fixo medrar a escolanía catedralicia de Compostela e compuxo numerosas obras para as festividades xacobeas, entre elas o emocionante Réquiem galego (1982). Tamén foi o autor do himno do Racing Club de Ferrol.

A súa lembranza, fondamente vinculada á diocese de Mondoñedo-Ferrol, continúa viva en moitas parroquias e coros que seguen interpretando as súas composicións. Como el mesmo afirmara, “non quería ser chamado renovador, senón traballador”, unha frase que resume á perfección o espírito dun home que fixo cantar á Igrexa coa lingua e coa alma de Galicia.

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas