Nestes últimos días case a única porta vidreira que tiven aberta pra fóra foi o televisor e máis concretamente a fiestra de “24 horas”, aínda que non pasei día e noite mirando por ela. E mentres, víñame de vez en cando ó pensamento o de cada semana: A ver de que escribo desta vez.
A cousa non perecía difícil porque case non se fala doutra cousa: Cataluña a tódalas horas. Pero por outro lado tamén cavilei: E que podo escribir eu que lle interese a alguén, despois de falaren persoas de tanta solvencia coma o que ata agora viña sendo considerado como Rei da Península Ibérica sen Portugal, pero pra compensar, Rei tamén de algunhas illas e algún enclave no Continente Africano? Ó pensar nisto desistín da idea, pero volvía á teima, e eu a dicirme: Pero, pampo, non ves que non te vai ler ninguén e pra escribires só pra ti mesmo, sóbrache coa axenda?
Así ían pasado as horas sen acabar de decidirme. Tiña claro que non escribiría sobre Catalunya, pra eles, e Cataluña pra min. Pero por fin cheguei a un acordo comigo: Nada, vou poñendo o que se me vaia ocorrendo e despois de publicado, léome eu mesmo a xa está. É coma se escribise polo menos pra outro. E aquí estou.
Comezo algo lonxe pra ir quentando motores. Aló polo 18 de xullo do 2016 chegoume a confirmación do que xa daba por feito, que a Audiencia Provincial de Lugo absolvía ós imputados que non foran caendo polo camiño, do carro da chamada “Operación Rey” que non debe confundirse coa “Operación ó Rey” realizada en marzo do 2013, porque a súa operación de columna durou 3 horas e a do meu querido Concello, 7 anos. Naquela felicitaron ós facultativos que a realizaron e nesta amoestaron á Estela (r) xuíza que a puxera en marcha de maneira moi irregular.
A cousa comezou así: O 26 de outubro do 2009, un grupo de policías ó mando da Señora Xuíza dona Estela San José tomaron a vila de Castro de Rei, entraron na casa consistorial e levaron detidos ó entón alcalde, Juan José Díaz Valiño, a tres concelleiros máis, implicaron logo á secretaria, e a algúns contratistas. Levaron caixas a máis caixas de documentación sen deixar relación do que levaban. Como, polo visto a Señora Xuíza deu orde de que esposasen ó alcalde, a televisión milagrosamente presente desde o primeiro momento, difundiu amplamente as imaxes. De maneira que, polo que se rumorea, hai intención de concederlle a tan estela (r) figura, que agora, amoestada ou non, debe andar por Andalucía, a medalla ó mérito turístico do Concello, porque gracias a ela comezaron a vir visitantes que nunca viñeran antes.
Non estou sendo caritativo coa Xuíza, pero o dano que nos causou foi moi grande e por métodos que mereceron a amoestación de entidades superiores ó seu xulgado de instrucción.
Pero, que pode ter isto que ver co de Catalunya? Pois está ben á vista me parece. Unha, que a lei non é igual pra todos e outra, que non todos somos iguais prá lei.
Parece ser que ós detidos de Castro de Rei imputábaselles que non actuaban conforme a leis dimanantes da Lei de leis, a Constitución, e por iso a Señora Xuízo, en celo por ela, pola Constitución, quixo atallar o mal. E os que promoven a marcha de Catalunya cara a non sei onde tamén actúan en cotra da Constitución. Disque aínda hai por aí un artigo dela, o 155, que Cidadáns quere aplicar de inmediato, pero Rajoy resístese e parece ser que non quere o PSOE, bueno o PSOE non, o PSE ou o PSC, ou o PSdS (Partido Socialista de Sánchez), porque don Felipe, don Alfonso, don Zapatero e don Rubalcaba, parece que tiran pola aplicación inmediata e mesmo se queixan de que non se teña aplicado xa.
Fixeime moito nos que falan do asunto de Catalunya, tamén no don Pablo Iglesias e na súa ¿voceira? Chamaráselles así agora? Entre el e a Montero deben levantar unha paguiña xeitosa. Tamén terán moitos gastos. E díxenme polos dous: Ño!, que facilidade de palabra! Pero non. Era que tiñan moi ensaiada a mesma matrácola, porque eles sempre falan doutra cousa.
A que me dá algo de pena é a dona Margarita Robles, que se fora galega sería dona Margarida Carballos, (a ver se imos resultar da familia). Dáme pena porque parece que non lle dan pasado as papeiras e mesmo se lle notaba que sufría cando falaba de reprobar a Señora Vicepresidenta. Nin que lles botasen o mal de ollo a todas as xuízas que se meten a políticas, porque a dona Carmena tamén se queda enfocando na larga e non lle debe funcionar a luz de cruce. Será que o cargolle esixe trasnoitar máis do aconsellable á nosa idade.
Do físico non se debe facer burla ben o sei, e eu non a fago, é que me deu por aprender a ler a linguaxe non verbal e estou facendo prácticas de terceira lección.
Se cadra mañá xa non serve de nada o que estou escribindo, pero sospeito que, pola que imos, a movida vai durar días; porque todo é figurárseme que o que pretenden os auténticos catalunyos de Catalunya é conseguir que os seus inimigos de Espanya lles paguemos a viaxe de ida en primeira clase a ningures e despois, se deixamos de roubalos, non volverán a falar de irse nunha tempadiña, pero, vai boa! Como vou saber eu, fillo dunha raza inferior coma os andaluces, estremeños e demais que foron traballar alí pra despegaren eles máis rápido, o que queren os dunha raza tan superior?
Tería outra cousiña ou dúas que dicir referente ás forzas do orde que quedaron sen forza, ou sobre a mesura e prudencia de case todo o clero catalunyo e da desmesura dos máis catalunyos, pero vou parar que hai un pedazo que non me entero de nada novo sobre esta historia que, humoradas fóra, está causando, sufrimento, endignación, vergoña, empobrecemento e deixar a ver o que vén detrás.
«Como vou saber eu, fillo dunha raza inferior coma os andaluces, estremeños e demais que foron traballar alí pra despegaren eles máis rápido, o que queren os dunha raza tan superior?»







Nacido en Ferrol el 21 de abril de 1983. Realiza los estudios posobligatorios, hasta COU, en el Colegio Tirso de Molina de los PP. Mercedarios en Ferrol.
Nacida en Ferrol (A Coruña) el 24 de mayo de 1972.




















