Pedro Rodríguez: «Ferrol precisa mirar o futuro con ilusión e deixar atrás, para sempre, a desesperanza»

O sacerdote deixa a parroquia do Pilar, en Recimil, onde levaba vinte anos desenvolvendo un labor que vai ser recoñecido cunha homenaxe

«A Igrexa ten que saber estar do lado dos que nada teñen»

Pedro Rodríguez naceu hai 74 anos en Parga, na Terra Chá. Nesa Chaira que lle deu a Galicia tantos sacerdotes e tantos poetas (e tamén, todo sexa dito de paso, tantos cregos que foron, e son, ademais, escritores). Licenciado en Liturxia pola Universidade de San Dámaso, deu os seus primeiros pasos como sacerdote en Ourol, alá polo 1973, e despois exerceu o seu ministerio, entre outros lugares, tamén en Cedeira. Pero en 1981 xa estaba, como párroco, en Ferrol, onde pasou, en diferentes etapas, por barrios como Caranza e Canido. Agora deixa a parroquia do Pilar, en Recimil, onde levaba vinte anos desenvolvendo un labor que vai ser recoñecido cunha homenaxe. E o seu próximo destino será a unidade oastoral de Ferrol Centro, onde se integrará no grupo de sacerdotes que atenden os templos do casco histórico. Home entusiasta, pouco amigo de deixarse vencer polas adversidades, di que «Ferrol precisa mirar o futuro con ilusión e deixar atrás, para sempre, a desesperanza».

Cal é o maior reto que ten diante de si a Igrexa hoxe?
Os retos son moitos. A Igrexa ten que saber estar, en todo momento, do lado dos que nada teñen. Pero tamén ten que saber facer chegar a súa palabra ao mundo nunha época na que a comunicación, especialmente coa xente nova, esixe que saibamos abrir camiños diferentes. Hoxe as novas tecnoloxías son moi importantes.

Por que hai tan poucas vocacións sacerdotais?
Pois quizais porque non semre sabemos transmitir a mensaxe do Evanxeo.

Pedro Rodríguez forma parte dunha xeración de sacerdotes á que a escasez de novas vocacións obriga a facer un inmenso esforzo —un esforzo que se incrementa día tras día— para poder manter abertas todas a cada unha das parroquias da diocese de Mondoñedo-Ferrol.

Cando cambiará iso?
E quen o sabe? O ambiente social dos nosos días non favorece, precisamente, a aparición de novas vocacións sacerdotais. Pero eu, insisto, creo que temos que saber facer autocrítica. Todos. Moi especialmente os sacerdotes. E continuar camiñando, moi atentos ao que se espera de nós. Coa dispoñibilidade máxima. E coa máxima entrega, tamén. Temos que dar resposta aos problemas do noso tempo, non podemos vivir instalados no pasado.

Vostede leva máis do corenta anos en Ferrol, sempre moi comprometido coa cidade e coas súas xentes. Pero segue mantendo un vínculo moi intenso coa Terra Chá. Unha Terra Chá na que, por certo, teñen as súas raíces moitísimas familias ferrolás
Así é. Iso é algo que aínda está por estudar en profundidade: o enorme fluxo de familias que, no pasado século, deixaron o mundo agrario da Terra Chá para abrirse un novo camiño, desde Ferrolterra, en empresas como Bazán e Astano. E creo, por certo, que deberiamos facer algo para manter vivos os lazos entre Ferrol e a Terra Chá. Paréceme que non deberiamos esquecer todo ese patrimonio cultural común.

Fonte: La Voz de Galicia. Edición Ferrol (22.08.2022)

Artículos relacionados

Síguenos

5,484FansMe gusta
4,606SeguidoresSeguir
1,230SuscriptoresSuscribirte

Últimas publicaciones

Etiquetas